Bibiano leva anos, como vimos ata o de agora, compoñendo cancións, interpretando ó longo de toda a xeografía galega, e fora dela, as composicións que mostran ó público as inquedanzas dunha sociedade, da súa sociedade, os problemas dos seus veciños e coetáneos, os habitantes das urbes galegas, cancións poéticas unhas e cunha profunda mensaxe política outras.
E chega un momento en que estas cancións, ou o traballo musical de Bibiano, cae en mans dun productor. Así, foi, alomenos, como Bibiano Morón consegue grabar o seu primeiro disco “Estamos chegando ó mar”, editado no ano 1976 e producido polo francés Alain Milhaud.
Foi o mesmo Milhaud, quen, nunha carta dirixida a Bibiano, despois de escoitar a maqueta deste primeiro traballo, se ofreceu para colaborar nel (carta que a continuación transcribimos).
“Querido Bibiano:
He aprovechado estos días festivos para escuchar con tranquilidad la cinta que hemos grabado como maquetas en el curso de tu estancia en Madrid.
Quiero felicitarte sinceramente por el alto nivel de tu trabajo. Casi todas las canciones son de gran altura y tu voz inconfundible contribuye a aumentar todavía más la atención que se presta a la escucha de tu cinta.
Estoy convencido de que puedes ocupar un lugar muy importante en la discografía nacional y por mi parte quiero manifestarte que estoy dispuesto a prestarte toda la ayuda posible para conseguir rápidamente un LP que produciremos en las mejores condiciones.
Mucho te agradeceré me participes tus reflexiones a raíz de nuestro encuentro en Madrid, ya que estoy deseoso de llegar rápidamente a un acuerdo contractual, a fin de ponernos cuanto antes al trabajo de realización.
Espero que lo tanto tus noticias y, mientras tanto, recibe un muy cordial saludo.
Alain Milhaud”
Aínda que a escolma final de cancións que ían compoñer “Estamos chegando ó mar” non foi nunca do total agrado de Bibiano, este sinala que “era máis forte a idea que tiña o productor do disco, Alan Milhaud, que a forza que eu tiña para impoñer as miñas decisións, porque ó fin e ó cabo eu era un convidado a facer un disco cos cartos dun señor.” 
O grupo instrumental que participou na grabación de “Estamos chegando ó mar” foi un grupo de estudio, aínda que “importantísimo” naqueles momentos. “Estaba Max Suñé, un dos mellores guitarristas que houbo xamais neste país; Jordi Clue, un baixista impresionante; ou Santi Arisa, o batería, un dos mellores percusionistas do momento.”
A frase que dá título a este primeiro traballo discográfico de Bibiano, “Estamos chegando ó mar”, contiña para o seu autor un doble xogo. Por un lado recollía a súa volta de Madrid a Vigo, que el artellou dun xeito lírico con este “estamos chegando ó mar”. Pero, por outra banda, naquel intre nada tiña en si un significado límite na verba, senón que se trataba de ultrapasar o propio significado literal. En 1976, en España, xa case se palpaba unha realidade social distinta e moi apetecible para moita xente, e o mar é, precisamente, ese espacio refrescante, lúdico e moldeable, que Bibiano quería reflexar sobre ese cambio que se estaba a vivir, como ben deixou claro Bibiano nunha entrevista concedida ó Faro de Vigo en agosto de 1988.
Bibiano, que sempre fora unha persoa reivindicativa, sempre do lado dos traballadores, sobre todo daqueles que foran os seus compañeiros nos asteleiros, denunciando coas súas cancións a situación que estaban vivindo estes homes e mulleres na última época da dictadura, propón, neste primeiro traballo discográfico un xiro do rumbo a seguir. Xa non basta só con denunciar, senón que chegou a época de actuar. Así o testifica na folla promocional que acompaña ó disco “Estamos chegando ó mar”:
“Tal vez pasaran os anos difíciles, os das dificultades de todo tipo, os das prohibicións constantes e comece unha nova época. Agora xa non basta só testificar e denunciar: é necesario axudar a levantar a conciencia e a cultura dos nosos pobos, para que poidan recoñecerse en xeitos de facer e nunha arte nacida xunto a eles, moi distintas de aquelas que veñen caídas do ceo, de non se sabe qué laboratorio intelectual ou comercial”. (páx. 108)
Nesta etapa de predemocracia, na que se sitúa a publicación de “Estamos chegando ó mar” Bibiano tentaba adaptarse á música de masas, esquecéndose da música de resistencia, quería entrar en competición con outros cantantes, demostrarlle á sociedade galega que os cantantes reaccionarios eran moi malos, aparte de venenosos, que eran insensibles ó debate musical daqueles días. (declaracións feitas por Bibiano nunha entrevista publicada na revista SAIDA a finais de 1977)
O feito de publicar un disco en solitario, así como a consecuente profesionalización do traballo musical conlevou a que algúns consideraran isto como un risco, que levara a Bibiano a unha integración en circuitos comerciais. Mais Bibiano non era dese parecer e consideraba que xa chegara a hora de rematar coa idea romántica da canción de resistencia, guerrilleira, para pasar á utilización dos potentes medios de comunicación de masas. Pasar de “contestar” a “opinar”.
Sen dúbida, un dos maiores logros de Bibiano neste primeiro traballo discográfico foi o de fuxir do cánones da canción francesa ou suramericana (dos que tanto se nutriu a canción social española) para crear un novo modelo moi achegado ó rock máis avanzado, con claras influencias de “jazz-rock”, sobre todo nos arreglos musicais.
Durante todo o LP Bibiano crea unha atmósfera de tensión, moi difícil de manter e totalmente acorde cos textos das súas composicións, alusivas á represión social e ás loitas do proletariado. Neste senso, “Garda a navalla” é todo un documento sonoro e un dos mellores temas para unha suposta antoloxía da canción galega.
Outro dos temas que merecen destacarse do contido xeral do álbum é “Amador e Daniel”, o poema de Uxío Novoneyra que cobra, na dramática interpretación de Bibiano, matices inéditos no seu concepto literario.
Chama a atención na obra de Bibiano a frecuente utilización de metáforas do tempo, as estacións, os animais ou as cousas inanimadas para anunciar cambios sociais ou políticos, tanto neste LP (“Alborada”, “Estamos chegando ó mar”, “Os cabalos brancos”, “O Can”) como noutras das súas creacións non incluídas nel .
Bibiano foi o compositor da case totalidade dos temas que se ofrecían neste primeiro disco (a excepción do poema de Novoneyra “Amador e Daniel”), cancións que centran a súa temática nas propias experiencias cotiás do artista, como el mesmo manifestaba nunha entrevista publicada naquel entón:
“As miñas vivencias están todas no mundo urbán e obreiro, por eso na miña música o obreiro, o proletariado, os seus problemas e a súa loita teñen un papel que me parece fundamental. Na canción galega cáseque ninguén se parou nestes temas. Falouse moito dos labregos, dos campesiños, da realidade eral do país, da lingua, do asoballamento político e social, da marxinación, dos emigrantes,… pero os obreiros, os problemas concretamente proletarios estaban esquecidos ou eran ignorados. Por aquí foron e van as miñas preocupacións, desde que tiven os meus primeiros contactos co mundo do metal, no ano 73, en Madrid. Ou dende sempre, traballei sempre”.
Bibiano representaba, efectivamente, dentro da música galega, a preocupación obreira e cidadá frente ós temas rurais, máis achegados a unha Galicia histórica e labrega. No seu primeiro álbum “Estamos chegando ó mar” víronse craramente estas preocupacións.
A pesar de ser “Estamos chegando ó mar” o primeiro traballo discográfico de Bibiano, as boas críticas non se fixeron esperar, e os medios de comunicación da época mostraron o seu apoio a este primeiro disco, como podemos comprobar a continuación nesta pequena escolma de opinións:
““Estamos chegando ó mar” de Bibiano, é un dos mellores primeiros discos que se teñen feito no Estado español. E é que se contou con tres factores fundamentais na gravación: un, a madurez musical de Bibiano; outro, o equipo de bos músicos que o acompañaron e que foi decisivo, e terceiro, o productor, Milhaud, un dos poucos que coñecen o oficio.” (páx. 110)
“Un traballo ben feito que se fixo esperar. É o primeiro disco de Bibiano, cunhas características moi persoais o mesmo na súa voz que nos temas. A temática de Bibiano é o estaleiro, a grúa, o torno, o traballador proletario, o mar do traballo e a esperanza. (…) é unha aportación importante á música galega e un traballo da calidade que compre suliñar. E tamén un disco chego de esperanza”. (páx. 97?)
“(…)Nas súas cancións está a historia e as esperanzas do seu pobo, dende o título do disco ata a canción que serve para terminalo, titulada significativamente “Agora entramos nós”; aínda que ás veces a represión acarree mortos e lixeiras paradas, do que é testemuña unha das máis escalofriantes cancións do álbum, a titulada “Amador e Daniel”, adicada ós dous traballadores mortos o 10 de marzo de 1972 en O Ferrol.” (Antonio Gómez – Gaceta Derecho Social: decembro 1976)

Pero non todo foron boas críticas a este primeiro traballo discográfico de Bibiano, tamén se publicaron novas con apreciacións negativas no que ós arreglos instrumentais se refire. Con este primeiro Bibiano trataba de crear unhas novas formas estéticas, utilizando para iso instrumentos eléctricos. A electrificación dos instrumentos estaba, non obstante, ó servicio da canción galega. Esta innovación, ó fin e ó cabo ocasionou reparos nalgunha xente. De feito, Bibiano sinalou en máis dunha ocasión que a súa preocupación naqueles intres era a investigación con instrumentos e a electrónica, o expresionismo, etc. “Entendo que cada quen pode aportar un traballo diferente á canción galega e entre todos cubrir unha área nova, pero hai que andar para adiante e non para atrás. Unha música que investiga, que busca novas posibilidades expresivas, formais, etc., é unha música progresista.” (Revista XEIRA)
Sen embargo, Bibiano foi consolidándose pouco a pouco con este disco, “Estamos chegando ó mar”, no panorama musical galego e español, alcanzando boas cotas de venda e aceptación entre o público, de feito foi este primeiro traballo discográfico o que lle valeu un maior recoñecemento fóra de Galicia.
Francisco R. Pastoriza (páx. 84) sinalaba a este respecto, nunha reportaxe publicada baixo o título “La canción gallega: Bibiano y Fuxan os Ventos”, o seguinte sobre este primeiro disco de Bibiano:
“(…) Nunha primeira audición, a obra pode resultar monótona e falta de interese musical, o que constitúe un risco perigosísimo para a difusión da que realmente é merecedora. Pouco a pouco, tras escoitar varias veces o disco, atópanse suficientes valores como para considerarlo digno de figurar entre os mellores da escasa producción da canción galega. Que ninguén vaia buscando nas composicións da Bibiano as raíces da música galega ou os recursos das formas autóctonas do noso folclore. Apenas si aparecen e cando o fan (“Estamos chegando ó mar” e “O Can”, por exemplo) non contribúen para nada a reforzar a temática da canción nin están en consonancia coa súa música.(…)” (páx. 84)
Para moitos críticos da época e de etapas posteriores, este primeiro disco de Bibiano, “Estamos chegando ó mar”, revolucionou toda a concepción da canción de protesta en Galicia.
Cabe destacar que a promoción deste primeiro disco de Bibiano, así como a celebración de recitais nos que poder ofrecer ó público as súas cancións, non foi nada doado. Estamos en 1976, nunha etapa de transición, na que seguen prevalencendo moitos cánones da recentemente desaparecida Dictadura. De feito, no ano 76 actuou 75 veces, tanto en Galicia como en diferentes países. Sen embargo, no último trimestre deste mesmo ano deixou de cantar en 22 ocasións.
Esta situación non era nova para Bibiano, xa que nos últimos anos as prohibicións e a censura eran unha constante, aínda que a actuación da censura na supresión das letras protagonizou moitas anécdotas, como ben lembraba Bibiano nalgunha publicación da época:
“Coido que a censura – que non debera existir – é torpe. Por exemplo, déixanme cantar “O can do palleiro”, que remata dicindo “abaixo a dentadura” e non é radiable a canción “Garda a navalla”, que chama a abandoar posicións violentas i elitistas para pasar a accións de masas. Pode ser que a verba “navalla” sexa un tabú”. (Revista EL POPE; 15-31 de xaneiro de 1977)
Bibiano era, naquel entón moi crítico e duro co tema da censura e así o deixou patente nunha entrevista publicada na revista EL POPE en xaneiro de 1977:
“Non quero facer cabalo de loita das prohibicións, multas, etc. Penso que isto é noxento xa de por si, polo que lle nega ó home os seus dereitos. Pero fago especial fincapé en que non somentes se trata de reprimir a cultura, e as liberdades democráticas, senón tamén que se impide o poder levar a cabo algo tan elemental como é o dereito ó traballo, o dereito a subsistir. Teño dereito a vivir do meu oficio.”
De feito, nesta etapa de predemocracia ou transición, a realización de recitais non era nada fácil, senón que era unha tarefa longa, demasiado longa para os tempos que corrían. En 1977 esixíanse máis papeis que no ano 1960. Os cantantes debían ser posuidores do carnet, previo exame, ter as contas claras na facenda pública, ter o repertorio autorizado pola censura central de Madrid. Sen embargo, non tiñan dereito á Seguridade Social. Para conquerila debían ter, alomenos, 80 contratos visados por sindicatos, cousa difícil de xuntar debido ás continuas prohibicións.
Aparte de todo isto, pedíase responsabilidade na orde pública dos recitais, noutros casos, responsabilidades ós donos das salas: que os locais reunisen as condicións oficiais, permiso de autores, de menores, maioría de idade do promotor do recital, etc.
A estes atrancos administrativos, hay que engadir a falla de organización e decisión ampla, masiva e estricta da xente que tiña que organizar recitais.
Ante esta situación, algúns músicos coetáneos a Bibiano, e o propio Bibiano Morón, comezaron a plantexarse a necesidade de elaborar unha táboa de reivindicacións laborais que agrupase ós músicos e que lles servise para a súa defensa. Algúns dos puntos eran:
- a loita contra o paro neste sector
- a supresión dos impostos de “luxo” que pesaban sobor dos instrumentos de traballo
- o incumprimento da lei vixente nas salas de baile que non tiñan postos regulamentarios de traballo para músicos
- un novo convenio coa Sociedade de Autores
- un convenio á altura dos tempos coas casas discográficas
- un convenio xusto con TVE, que impedise a colonización existente nesa época
- a loita contra a censura
Para tratar de solucionar algúns destes problemas fundouse no ano 1977 o Sindicato Galego da Música, que aglutinaba ós cantautores, a unha serie de grupos, de bandas de música, etc, “un sindicato cunha certa representatividade” – segundo lembra Bibiano – “pero que funcionaba á marxe das centrais sindicais, era un sindicato gremial, que non estaba dentro do texido asociativo dun sindicato, era como o Sindicato da Mariña Mercante, e andaban uns días ben e outros días á deriva”.
O Sindicato Galego da Música pasou, ó principio, por unha moi boa etapa, na que se falaba cos sindicatos, había negociacións, acordos coa UXT e CC.OO., pero co paso do tempo se foi enquistando, e terminou sendo unha oficina de contratación de artistas.
“Eu o único que sei – sinala Bibiano – é que o Sindicato xogou un papel, si serviu para aglutinar a unha serie de traballadores da música, serviu para que os músicos se deran de conta de que había un réxime especial de artistas na Seguridade Social e un réxime xeral, que era o do resto dos traballadores. Namentras os traballadores cotizaban por tódolos días que traballaban, a nós aplicábannos un réxime especial e tan só cotizabamos por cada día de actuación, co que ó final, o que máis traballaba, cotizaba entre 70 e 100 días ó ano.”
“O Sindicato logrou, ó meu xuizo – continúa Bibiano – que a xente da música se mentalizase de que había, primeiro, que unirse, que falar dos nosos problemas, e que loitar e organizarse polos noso dereitos, ou sexa, que o fin principal e último dun sindicato se conseguiu. Ademais, nos mantiñamos contacto con outros sindicatos de Madrid e Barcelona, cos que conversabamos sobre a música en directo, os play-backs, os dereitos de retransmisión, a utilización pública do disco, os impostos ou a Sociedade Xeral de Autores, que é un cáncer que ten a música aínda a día de hoxe.”
“Sen embargo, non foi duradeiro no tempo, e acabou caíndo en todo tipo de problemas e visicitudes. Máis adiante eu fun partidario da integración do Sindicato Galego da Música na central UXT, sendo eu máis pro-CC.OO., xa que o Goberno estaba dirixido polo PSOE, e existía un achegamento entre as dúas institucións, o que podía solucionar algúns dos nosos problemas e, ademais, sós eramos como unha gota nun océano, necesitabamos integrarnos nunha central sindical máis forte, pero non se me escoitou”.
Coincidindo coa promoción deste primeiro disco en solitario, “Estamos chegando ó mar”, e cando xa estaba en proxecto un segundo, Bibiano é invitado a participar nun concerto homenaxe na cidade italiana de Turín. Tratátabase, nada máis e nada menos que da homenaxe que cantantes de todo o mundo rendiron ó cantante chileno Victor Jara, asasinado polo Goberno de Pinochet no Estadio Nacional de Chile, ante miles de persoas. Bibiano cantou en galego neste acto, no que participaron artistas de todo o mundo e que tivo lugar ó longo de cinco días – do 25 ó 30 de marzo de 1977.
Tamén nesta época, e coincidindo coa boa aceptación que este primeiro disco de Bibiano tivera no mercado e na opinión pública, o Ministro de Información e Turismo, Pío Cabanillas, ponse en contacto cos cantautores para que se integren no sistema de producción musical da época. Ademais de organizar a Semana do Disco, tamén ofrece unha serie de colaboracións para a difusión do seu traballo. Trátase da realización duns documentais sobre a vida e a obra dos cantautores, que dirixirían coñecidos directores do panorama cineasta español do momento, e que se emitirán en “prime time”, os domingos ás oito do serán.
Inaugura esta emisión a longametraxe “Yo Canto”, sobre Bibiano Morón, un documental, de cen minutos de duración, dirixido por Josefina Molina. Foi unha película feita no sistema telecine, por un equipo técnico desplazado dende Madrid a Alcabre, lugar de residencia naquel entón de Bibiano. “Foi un despliegue impresionante, que debeu costar moitos cartos – lembra Bibiano – xa que diante da miña casa había cinco traillers, equipos de cámara, de travellings, de xeneradores, de luces, ..., os veciños estaban asustados. Baixaban as luces á praia para facer as tomas e os meus veciños miraban aquilo como se fose a invasión (risas), sen embargo a min dábame reparo todo isto”.
“Esta longametraxe non cambiou en nada a miña vida, eu seguía indo á tenda con vinte duros para comprar un polo e aínda me sobraban cuarenta pesetas, e iso que se fixera unha película sobre a miña vida, cun presuposto impresionante”.
ESTAMOS CHEGANDO Ó MAR
“Estamos chegando ó mar, a un mar de liberdade, creado co esforzo de moitos e que neste álbum atopa unha das súas máis fortes expresións: a voz do pobo galego que comeza a levantarse”