Menu Content/Inhalt
Inicio
CAPÍTULO IV: "ALCABRE" PDF Imprimir

Alcabre

“Se a edición dun primeiro disco implica sempre unha responsabilidade, entendemos que o advenimento dunha segunda obra discográfica duplica, ó menos, as responsabilidades por canto esta vai a ser a cabeza de ponte que unirá o pasado co futuro. Ademáis, e ós ollos críticos, existen moitos atenuantes sobre as primeiras gravacións, xa que hai consciencia da existencia das circunstancias adversas coas que ten que enfrentarse un intérprete cando se mete por primeira vez nun estudio de gravación. Por iso, normalmente, na segunda gravación os intérpretes dan moito mellor a exacta dimensión da súa capacidade creativa.” (La Voz de Galicia – 29 de enero de 1978).

Deste xeito introducían os xornalistas a comezo do ano 78 o segundo traballo discográfico de Bibiano, titulado ALCABRE, adicado, como se pode supoñer, ó barrio vigués das súas aventuras e desventuras, ó barrio onde vivía por aquel entón, ó barrio onde naceu e se formou este disco.

Así o presentaba o propio Bibiano naquel entón:

“ALCABRE é un barrio moi particular, que cando chove móllase, como tódolos demais.

Ten dúas praias, dous bloques de edificios, e o demais son casas pequenas con horta. De ALCABRE son as millores ameixas da ría de Vigo e a por elas veñen dende moi lonxe. Entre o matadeiro e Bouzas é onde está o banco. Agora, están facendo un recheo de terra para non sei que ampliación do porto e o conto é que no fondo do mar todo é unha lameira e todo está embarrado. Hai dous restaurantes, un deles con churrasco e os veciños son todos xente traballadora de terra e do mar. Decir ALCABRE é decir pequeno mundo ribeireño, é decir pequeno país de nenos xogantíns e persoas nobles. Decir ALCABRE, e pretender decilo cun disco, xa é moito maís difícil.

Difícil porque no disco non se fala – concretamente – de ALCABRE, pero o asunto é que no disco fálase dende ALCABRE e por iso ALCABRE móllase como tódolos demais barrios. Suso tamén vive en ALCABRE e Pepe e Llorca viñan a ensaiar a ALCABRE. Dende a ventana mírase o mar moi perto e moi grande. Bernardo tocaba a flauta mirando pra Cangas, á outra beira do mar e Piñón decía tantas veces que bonito era o lugar. A maioría das cancións foron feitas aquí, discutidas e reparadas aquí, barrenamos o conxunto do disco aquí tamén, xuntamonos a ensaialo aquí e dende aquí marchamos a MADRID ¿Débese seguir pensando que no disco non se fala de ALCABRE?

Entón, esta experiencia discográfica, para min apaixoante, chámese pra sempre ALCABRE como nome dunha experiencia colectiva onde TÓDOLOS participantes “bailamos” as melodías que estabamos creando.” (Bibiano. ALCABRE. Xaneiro 78)

Con estas verbas presentaba Bibiano o seu segundo traballo discográfico, titulado, como non, ALCABRE. Neste disco expuso a realidade dun barrio vigués que estaba experimentando un cambio que non sempre contentaba a todo o mundo. Volvía, unha vez máis, un Bibiano reivindicativo, relatando, a modo de crítica, unha dura realidade. Así se expoñía nalgunha das novas da época que agora rescatamos:

“ALCABRE. Música galega das Rías. Alcabre é un barrio mariñeiro que quere seguilo sendo e o grupo defende con gracia, con humor, con boa música, unha realidade ecolóxica que se está a destruir. Alcabre baila as melodías que vai creando, tratando de sensibilizar ó seu público contra algo que quizáis aínda teña remedio”. (Revista PRONTO. 3 de maio de 1978)

Bibiano en concerto

Segundo manifestou, a través dunha nova publicada en El Ideal Gallego, o 5 de febreiro de 1978, o xornalista Tomás R. Pena:

“ALCABRE representa a consolidación das premisas postas de manifesto en “Estamos chegando ó mar”, á vez que supón a liberación da servidume dun pasado musical, que tiña máis de militancia política que de propiamente musical; sen que isto queira decir que o apartado político social no estea presente en ALCABRE, senón que se atopa agochado baixo unha boa estructura musical que, se se quere, prima por riba daquela.”

A este respecto, Bibiano sinalou nunha entrevista publicada pola revista El Gran Musical en agosto do ano 1978 o seguinte:

“Os nosos textos, nesta transición democrática, deben estar condicionados pola situación cultural, non a política. Temos que tentar normalizar a canción galega, deixando o sentido do recital resistencialista, introducíndose nos circuitos creados polo desenvolvemento capitalista, que é a onde vai a xente”

Neste novo traballo discográfico de Bibiano recóllense dez temas de diferente natureza en canto a contido e forma, dentro da canción testemuña, aderezados con “sons contemporáneos” para o contexto do folclore ou tradición popular musical do concepto que da nosa música gardabamos ata o de agora (en referencia a finais dos anos 70) (El Gran Musical. Agosto do 78)

Para este novo disco Bibiano botou man de músicos galegos, o que deu unha dimensión máis profunda en sentimento á obra, pois non é o mesmo tratar de que xente allea a unha problemática se poña a tono, o que ó fin e ó cabo será unha mera colaboración instrumental, que sen embargo, sexa xente galega, ligada ó ambiente e á situación a que poña o seu apoio instrumental, pois sempre lles será máis doado lograr esa cohesión necesaria. (Tomás P. Pena – El Ideal Gallego: 5 de febreiro de 1978)

Para Bibiano, este segundo disco foi máis unha idea colectiva, a necesidade de traballar en grupo, de aí que fora no mesmo barrio onde el e parte dos músicos participantes nestes disco vivían, onde se forxou a idea deste novo LP. Esta xente que xunto a Bibiano realizaron ALCABRE son:

SUSO QUIROGA (guitarra)

XAN PIÑON (guitarra eléctrica, efectos)

PEPE BORDALLO (baixo)

FERNANDO LLORCA (percusión)

BERNALDO MARTINES (flauta, pandeiro)

Como xa decía Bibiano na presentación deste segundo traballo discográfico, e seguindo parafraseando a Tomás R. Pena: “este é un traballo colectivo, onde as ideas flúen por igual, se ben coa idea central aportada en principio por el. Sen embargo, os arranxos son obra de todos, véndose claramente de onde veñen as influencias, en especial as de Xoán Piñón, que dan un aire bastante progresista á obra. Con todo, ALCABRE presenta a un Bibiano realista en canto ás súas posibilidades vocais, sen aventurados excesos que serían fatais, e moi equilibrado nas súas concepcións musicais, moi persoais e que van abrindo brecha dentro do espectro musical galego.”

Aínda que se di que as comparacións son odiosas, as primeiras crónicas sobre este segundo disco de Bibiano centraron o seu contido en analizar as semellanzas e diferencias entre estes dous traballos discográficos.

“En xeral obsérvase unha moi sensible superación en canto a arreglos musicais e calidade poética con referencia ó seu anterior LP “Estamos chegando ó mar”. No actual faise un percorrido interesante en torno a problemas, actitudes e aspiracións do home de hoxe, pero como xa deciamos, nunha liña univeralista.” (non se le a referencia bibliográfica. Páx. 138)

“A diferencia fundamental co primeiro estriba nunha grande espontaneidade, que non desfigura senón potencia as características fundamentais do cantante. Estas poderían resumirse nunha voz aguda, casi ó borde de quebrarse como un cristal, e, sen embargo, enérxica. Outra é o abandono casi completo da tradición musical galega, reflexando por primeira vez en canción as vivencias da cada vez maior poboación urbana galega.” (El País, 5 de febreiro de 1978)

Como se sinala neste último recorte de prensa, Bibiano experimenta neste disco, coa introducción de novos instrumentos, como o baixo, a guitarra ou a batería, instrumentos pouco tradicionais da cultura galega, e que levan a Bibiano a realizar unha música moito máis rock do que estaba facendo ata o de agora. Pero, ademais, introduce neste novo traballo, outras melodías e ritmos musicais, como os ritmos brasileiros ou portugueses.

Bibiano con Xurxo Lobato no 1978

A continuación destacamos unha breve escolma das numerosas opinións que nalquel intre ofrecían as crónicas xornalísticas sobre o segundo traballo de Bibiano, ALCABRE:

“O segundo álbum de Bibiano deixa ver a desenvoltura coa que foi elaborado. Espontáneo e sen eivas, o cantante galego móstrase coma un dos máis vitais creadores que temos, achegándose nun dos mellores temas do disco á música do Brasil, namentras que no resto permanece fiel á súa terra.” (Manuel Domínguez. INFORMACIONES)

“Así pois, ALCABRE, o segundo LP de Bibiano, é o definitorio do presente e do máis inmediato futuro da obra de Bibiano. Na música deste LP queda ben demostrada unha evolución musical que responde axeitadamente ós condicionametos dunha sociedade galega nova e dunhas novas canles políticas e culturais.” (Nonito Pereira. LA VOZ DE GALICIA)

“Con todo, ALCABRE, presenta un Bibiano realista e, en canto ás súas posibilidades vocais, sen excesos aventurados; os cales serían fatais, e cunhas concepcións musicais, moi axeitadas, moi persoais e que van abrindo unha regandixa dentro dos aspectos musicais galegos.” (Tomás P. Pena. EL IDEAL GALLEGO)

Coa aparición deste segundo disco, Bibiano será invitado a participar en varios programas de TVE, aínda que con distinta sorte en cada un deles. Así, en marzo de 1978 actuará por primeira vez na televisión pública, concretamente no programa “Yo canto”, xunto a outros cantautores do panorama musical nacional.

Ese mesmo ano, a finais do verán, Bibiano voltou a TVE para grabar unha nova actuación, esta vez para o programa “Aplauso”, que se debía emitir a comezos de setembro. Pero, a mala sorte ou as “meigas”, como algúns xornalistas manifestaron naquel momento, impediron que en Galicia se poidese ver esta actuación. O motivo, segundo alegou a cadea pública de televisión naquel intre, foi un fallo nos equipos que TVE tiña en Santiago de Compostela, un fallo que durou catro minutos e medio, o mesmo tempo que durou a presentación e actuación de Bibiano. Aínda que moitos calificaron esta actuación dunha nova censura, houbo desculpas, e Bibiano puido volver a gravar a súa actuación, que foi emitida con posterioridade, concretamente no mes de novembro.

Sen embargo, o programa puido verse con total integridade noutras comunidades autónomas, e así o puxeron de manifesto algunhas crónicas xornalístas daquel entón:

“Pois cremos que, para moitos, Bibiano é un gran descubremento. Un home que fai música, e non soamente cancións. Entendamonos: normalmente os cantautores testimoniais coidan os seus textos, deixando reducida a música a un mero elemento de acompañamento, a un vehículo para transmitir as súas ideas... Pero ¡ay! ó carecer moitas veces de gancho musical, a súa mensaxe non chega e as letras quedanse sen facer mecha no público e o seu traballo queda inédito. Por iso é para congratularse ó descubrir a un home como Bibiano, que ten ideas e sabe facer a música máis adecuada para transmitir esas ideas. E, ademais, hai que agradecerlle que careza de prexuizos ó facer a súa música e recurra ós ritmos máis exóticos, como pode ser unha bossa nova en galego, se é que así llo pide o corpo. Cremos que estamos ante un nome importante, que rebasa o ámbito de cantante rexional, sen perder o fundamental e autóctono, pero saltándose á toreira os prexuizos castrantes e limitadores. Ben por Bibiano. A súa aparición en “Aplauso” foi só un breve trailer de Bibiano para que vostedes se dean unha idea máis ampla, remitímos ó seu album ALCABRE. (Tele Radio – Madrid – 11 de setembro de 1978).