Menu Content/Inhalt
Inicio
CAPÍTULO V: PDF Imprimir

Portada do elepé Aluminio

ALUMINIO, editado no ano 1979, é o terceiro disco de Bibiano en solitario, e ata o de agora, o último. Para esta nova incursión musical Bibiano contou co apoio do Grupo de Comunicación Poética Rompente e de Antón Reixa, que colaboraron na composición dalgún dos temas incluídos neste LP, concretamente na canción que dá título ó disco “A danza do Aluminio”.

Orixinal é tamén neste disco a composición da portada, obra do pintor Ángel Huete, onde se pode observar un fondo de pintura alumínica sobre o que se aprecian as paletas creadoras dun pintor, unha obra de arte que nestes intres (2003) está exposto nun dos anexos do museo MARCO de Vigo.

E é que o aluminio tén neste disco moita importancia, como suliñaba Bibiano nunha entrevista concedida ó xornal La Región e publicada o 13 de xuño de 1979:

“Elexín este material do aluminio porque é un dos materiais base da nosa época, moi presente na vida cotiá do home, incluído o home galego, sen esquecer tamén o aspecto negativo deste material, representado no enorme complexo de Alúmina establecido na provincia de Lugo”.

Neste álbum, ó igual que nos dous anteriores traballos de Bibiano – “Estamos chegando ó mar” e “Alcabre” -, predomina a temática moderna, relacionada coa existencia diaria urbana. De feito, a grabación reflexa a preocupación do cantante por crear novas formas musicais e temáticas que reflexen a realidade galega actual. A vida cotiá dos galegos.

En ALUMINIO podemos desglosar o seu contido nunha serie de niveis de conciencia, que veñen a resumir bastante ben as constantes temáticas que Bibiano se marcara dende un principio.

Estas poderían ser:

- a difusión dos textos poéticos galegos, con especial adicación a aqueles que non teñen unha popularidade que logre atrevesar as fronteiras de Galicia (“Negra Sombra” de Rosalía de Castro con música de Juan Montes Capón, e “A danza do Aluminio”, do Grupo de Comunicación Poética Rompente xunto a Antón Reixa)

- o exercicio da crítica social a través dunha temática fundamentalmente urbana, limitándose a describir unha realidade obxectiva que fala por si mesma e que ademais lle permite reflexar unha paisaxe de alienación (“Paseniñamente”, “Ó pasar por Bouzas”, “As catro paredes” e “A danza do aluminio”)

- Galicia como marco vital (“Virán gaiteiros” e “María das Tempestades”)

- a preocupación por un espacio xeográfico feito de culturas afíns (“O libro de Angola” con textos poéticos de Costa Andrade e Neto, e dalgún xeito novamente “Ó pasar por Bouzas”, no que se refire ó seu desenvolvemento musical)

- o recoñecemento expreso dunha cultura rock que descoñece fronteiras, homenaxes persoais aparte (“Adagio a Janis Joplin”, onde lembra á lexendaria cantante norteamericana morta por exceso de drogas)

Este disco mostra, asemesmo, algo que xa se estaba a ver no ambiente musical galego, e que era o renacemento do folk, o auxe do folk. En ALUMINIO isto móstrao a canción “Virán gaiteiros”.

En ALUMINIO a gaita a tocaba Xaquín Blanco, un folkie galego de Valdeorras afincado en Madrid, o baixo, como sempre, era Pepe Bordallo. Luis Cobos, o director de orquesta, tamén fai algunha intervención en “A danza do aluminio” e a introducción de sintetizadores en “Negra Sombra”, unha versión desgarrada do poema de Rosalía de Castro, “na que hai un fio conductor entre a voz e a guitarra – segundo sinala o propio Bibiano – que fai unha homenaxe ó grupo Los Módulos e á súa canción “Todo tiene su fin”.”

O texto de ALUMINIO está orixinalmente escrito en idioma galego, aínda que no disco acompañábase unha traducción literal do mesmo en castelán. Segundo publicara a Compañía Fonográfica Española, en ALUMINIO “colocouse ó galego na lanzadeira das súas ricas posibilidades musicais: aportando ritmos, creando unha unión que faltaba entre a música brasileira e a ata hai pouco balbucinte e hoxe expléndida realidade música galega.”

Se no primeiro disco “Estamos chegando ó mar” Bibiano sinalara que trataba de crear unhas novas formas estéticas, utilizando para elo instrumentos eléctricos, este terceiro traballo serviu para serenar e estabilizar aqueles conceptos do primeiro disco. Bibiano era partidario de combinar os estilos musicais do momento cunha música esencialmente galega. Así en ALUMINIO, gaitas, flautas, piano, batería e outros instrumentos entremistúranse para dar forma a un disco que destaca polo seu liberalismo estético, cun son moi actual a cabalo do funky-rock, e con incrustacións moi efectistas da gaita, que provocan sensacións confortantes. Ela, a gaita, xunto co idioma e os textos, é o vínculo de unión de Bibiano ó contexto nacente da nova música galega.

Como se sinalaba nunha nova publicada por Mundo Obrero, o 26 de xuño de 1979, “a música de Bibiano é actual e, aínda sen perder as raíces do folclore tradicional galego, adquire toda unha rica gama de matices, sendo o resultado final unha interesante obra, capaz de gustar non só ós seguidores da canción popular galega, senón a un sector máis amplo de xente.”

Bibiano en concerto

A presentación deste disco por toda a xeografía española acumulou dispares opinións. A continuación mostramos algunhas delas:

“Con ALUMINIO tentou levar cara adiante a música de Galicia e sacala deste estancamento que nos últimos anos acosaba ós mozos do norte. A cousa está bastante lograda e hai cortes como o “María das tempestades” que alcanzan moi altas cotas. Por certo, tódolos temas da primeira cara son do propio Bibiano e intervén en catro dos cinco dos que se compón a segunda parte”. (El Alcázar. 26 de xuño de 1979. Página 208. Aluminio)

Festival de la Ribera de Castilla: “(…) Bibiano correu coa papeleta de abrir e, a pesar do frío, do equipo, e outras cousas, soubo caldear o ambiente coa súa música. A breve actuación do músico galego, que contou coa colaboración de Blanco (gaita), Bordillo (baixo) e Fernando (batería) pareceunos o máis interesante do programa. Bibiano, a quen algúns acertan a encasillar no seu estilo concreto (nin falla que fai), desenvolveu as súas abundantes ideas musicais dando moita marcha ó persoal que se comunicou coa súa música. Gracias a que os “Quilapayún” non estaban preparados, ou que facían tempo para poder disfrutar xa dos focos, tivemos a oportunidade de escoitar uns minutos máis a Bibiano, quen debe dar xa un concerto nun local con condicións idóneas para alcanzar a comprender todo o positivo que engloba a súa música recollida no excelente álbum ALUMINIO”. (¿periódico? – 23 de setembro de 1979) (páx. 216. Aluminio)

Este disco, aínda que foi moi esperado, debido á boa crítica dos dous anteriores traballos de Bibiano, “Estamos chegando ó mar” e “Alcabre”, non obtivo o mesmo apoio por parte do público.

Unha publicación de tirada nacional publicaba a finais de 1979 o seguinte (páx. 142):

“Os próximos álbumes de Bibiano serán ben distintos: Quero facer un texto a favor do medio ambiente, da supervivencia das especies en perigo de extinción. Tamén vou a facer un disco cos seis poemas galegos de García Lorca. Gostaríame gravalos en directo na Praza da Quintana de Santiago, lugar que estes poemas citan.”

Boas intencións para uns discos que nunca se chegaron a gravar, xa que a vida profesional de Bibiano tomou un novo rumbo, xa referenciado en anteriores ocasións. Pero como di o refrán, “Namentras haxa vida, haberá esperanza”.

A xira de ALUMINIO levouno a diversos puntos, tanto da xeografía galega como nacional ou incluso estranxeira. No ano 79 presenta este último traballo discográfico nas principais cidades galegas, así como en Madrid ou en Zaragoza.

Participa, asemesmo, en coñecidos festivais da época, como o festival “Ribera de Castilla” en Valladolid, na Festa do Mundo Obreiro na Casa de Campo de Madrid ou na Homenaxe que o 10 de novembro se lle tributa en Celanova ó escritor Celso Emilio Ferreiro.

Boas son as críticas desta xira, sobre todo a súa participación na Festa de Música Celta celebrada en Madrid o 27 de maio de 1979, unha festa organizada pola Joven Guardia Roja de España e que tiña como intencionalidade política a creación dunha conciencia colectiva contra a instalación de centrais nucleares en España. A este festival asistiron, ademais de Bibiano, Alan Stivell e os grupos Boys of the Lough e Gwendal. A continuación mostramos unha escolma das opinións aparecidas na prensa da época sobre a actuación de Bibiano nesta Festa Celta:

“(...) O bo sabor de boca deixado por Boys of the Lough continuou logo coa actuación do cantante galego Bibiano. O antigo compoñente de Voces Ceibes estivo acompañado por unha importante banda, da que destacaba o gaiteiro (ex membro de Granada), que ademais tocaba toda clase de instrumentos galegos. Bibiano, quen recentemente vén de publicar o seu terceiro LP, quizais o mellor da súa carreira, interpretou os seus coñecidos temas folklóricos, moi na liña dos portugueses Fausto e José Afonso. Estivo menos afortunado cando, cantando en castelán, abordou un tema adicado á desaparecida Janis Joplin. Os seus pretenciosos intentos de aproximarse máis ó son rock, en especial neste tema, naufragaron lamentablemente. Bibiano posúe unha potente e clara voz que lle serve perfectamente para interpretar temas tradicionais galegos e celtas, pero carece de imaxe e ideas para introducirse nun tipo de música máis electrificada, que coquetea co rock. (...)” (Diario 16 – 28 de maio de 1979)

“(...) Cheiraban pinchos morunos e agotábase a bebida cando Bibiano subiu ó escenario acompañado por unha sección rítmica rockeira (baixo, batería e piano), á que había que sumar un gaiteiro que tamén lle daba á cornamusa. Bibiano vai, pouco a pouco, deixando atrás os sofridos e limitados tempos de cantautor político, para volcarse cada vez máis na música. Sen renunciar a decir cousas, Bibiano non busca soar mellor, busca novas formas e vaino conseguindo. Unha mistura estrana de bosa-rock-canción foi o que ofreceu o domingo, con algunhas cancións preciosas de verdade. Bibiano non dá aínda de si todo o que pode, sinxelamente porque está en condicións de se llo montar mellor, de rachar definitivamente as barreiras musicais que na nosa canción popular se viu comprimida.” (EL PAIS – 29 de maio de 1979)

“(...) O galego Bibiano, do que definiron a súa música como “o novo folclore urbano”, foi o que substituiu ós “mozos do lago” no escenario. Tocou practicamente tódolos temas do seu novo album “Aluminio” demostrando que segue a ser un dos mellores cantautores do momento e un dos que maior empeño poñen na investigación das novas formas musicais, partindo sempre, iso si, das bases folclóricas da súa terra natal.” (MUNDO OBRERO – maio de 1979)

“(...) O galego Bibiano enrrollouse en plan rock, o que non estivo nada mal para como andaba a basca nese intre. Non é que deixara de ser céltico o asunto de Bibiano pero saiu ó escenario cun baixo, unha batería e ata o piano entrou en liza, unha boa base. É indubidable que se busca unha mellora no son sacrificando outros aspectos como poden ser as letras.” (EL ALCAZAR - 5 de xuño de 1979)

“Alédame comentar o éxito desta festa celta por moitas razóns. Unha delas, que todo se xestou en Galicia, onde un grupo de amigos e cantautores creron neste concepto de “celta” e ata que non lograron contactos co resto dos países europeos non pararon. Nonito Pereira, na Coruña, foi un dos grandes impulsores. E BIBIANO un dos cantautores preocupados do tema. El estivo presente, representando a GALICIA nestas xornadas de música celta. E triunfou, como triunfaron tódolos demais. Precisamente agora, BIBIANO acaba de sacar á venda un novo álbum, superior a tódolos anteriores e que vai a dar moita guerra. O éxito desta primeira xornada celta en Madrid animará ós seus organizadores a continuar ano tras ano.” (HOLA – 23 de xuño de 1979)

A xira de ALUMINIO aínda continúa a comezos do ano 1980, cando Bibiano visita Inglaterra ou Porto.

Como sinalamos con anterioridade, aínda que este disco ten na súa esencia unha boa parte de folk, coas melodías das gaitas e dos sintetizaddores, Bibiano comeza a voltarse descarnadamente cara ó rock. Como ben sinalou Bibiano, “este disco era o fin do cantautor, o cantautor que dirixe coa súa voz e as súas melodías, e as súas cancións, e as súas escrituras e as súas letras, que escribe só na súa casa e que entrega ó seu grupo e di “veña, todo o mundo tocando isto”, e chega coa súa selección e el elabora o seu disco”.

Así que despois de publicar tres discos en solitario, como cantautor, Bibiano lánzase á aventura de comezar a súa andadura musical en grupo, e xunto a Teo Cardalda e Pablo Novoa comeza unha nova experiencia musical, que aínda que naceu sendo “Bibiano e Druída”, aínda coa figura do cantautor, pasou a converterse en Trenvigo, “porque aquilo xa non era Bibiano, eramos un grupo, era un avó cos nenos, pero eramos un grupo” – lembra Morón anos despois.