A principios da década dos 80, un grupo de intelectuais e artistas galegos asinaban un manifesto que, iniciado cunha significante frase, “Vigo é un ermo intelectualmente triste”, quería reflexar aquel “decaimento total” no que se vía sumida a cidade viguesa, trala efervescencia sesentona, e o jazz e a reivindicación política cantada polos “folkies protestóns” da transición.
Bibiano Morón, Angel Huete, Pepe Pastoriza, Moncho del Valle ou Carlos Fernández eran algúns dos asinantes daquel manifesto, punta de lanza do que se viu en denominar “movida” que, tendo á xuventude como protagonista, enarbolaba como bandeira a da música, máis en concreto, a do rock and roll.
Bibiano Morón describe o ambiente reinante nos primeiros 80 en Vigo como un marco no que, ó tempo que comezaban a despuntar as primeiras tribus urbanas e había unha certa expectación dos músicos cara á “new wave” europea, o entorno social da cidade presentaba un decaimento total a tódolos niveis: desfondamento da actividade cultural antifranquista, moda do desencanto e a frustación colectiva, o peche das industrias conserveiras e os primeiros atisbos da reconversión.
De feito, Bibiano sitúa o nacemento da “movida” trala radicalización do movemento obreiro despois dos conflictos dos asteleiros Ascón. Os grandes apelidos burgueses comezan a fallar e xurde o “underground”. De repente, a cultura e a arte convértense no gran timonel. Daquelas tribus urbanas, agrupadas en torno a locais como o “Satchmo”, “O cerne da devoura” ou “Neón”, e xurdidas das “novas capas sociais que non foran afectadas polo pasado político e ás que xa non lle valía de nada todo o anterior” naceron os primeiros grupos da “movida”.
De Tren Vigo (auténtico grupo-obradoiro do que naceron outras formacións musicais) ata Siniestro Total, pasando por “Bar”, “Los Ratones” o “S.A.” foron as denominacións daquelas primeiras formacións da “movida” que, iniciada na música, habería de extenderse cara outros campos artísticos: dende a moda ata a fotografía e na que estaban inmersos tanto músicos como pintores, escritores e xornalistas, aínda que en menor medida do que estiveron comprometidos na “movida madrileña”.
En efecto, apoiada polas “forzas vivas” da cidade, os ecos da movida traspasarían as fronteiras do noroeste a través de programas como “Esto no es Hawai” e temas do estilo “Ayatolla”. As casas discográficas programaron ós seus directivos a dirixir os seus pasos ata esta parte da península, comenzáronse a gravar os primeiros vinilos baixo o sustento de locais como o Kremlim, Ruralex, La Kama, ou El Manco (sala onde en principio algúns daqueles grupos ensaiaban) e a reivindicar a noite – a gran noite – do Vigo cidade.
Tralo manifesto primario ó que fixemos mención ó comezo, a “ideoloxía” da movida” veríase surtida pola aparición de Antón R. Reixa e os seus “Resentidos” que proclamaban ós catro ventos frases como “Con reconversión ou sen reconversión Vigo é unha nación”, pola parte que compete ós galaico parlantes; e as cancións-slogan de “Siniestro Total”, do tipo de “Matar hippies en las Cíes” ou “Más vale ser punki que maricón de playa”, na área castelán faladora, maioritaria, todo hai que decilo, nesta cidade.
Tampouco nos podemos esquecer de mencionar a “Aerolíneas Federales”, un grupo de mozos e mozas moi novos, que viñan da zona do Calvario e que coas súas voces femininas fixeron furor en tódolos quinceañeiros de Galicia e fora dela.
Alí collía todo, dende o Real Clube Celta ata o inefable concelleiro Leri quen en máis dunha ocasión mostrou sentirse orgulloso da nova xeración de vigueses que, ademais de selo, aínda por riba eran e son viguistas: “soño alcanzado ó fin”. (Faro de Vigo: 9 de abril de 1989)
Bibiano Morón foi, sen dúbida, un dos precursores da “movida” viguesa e un dos personaxes clave no desenvolvemento da mesma, pariticipando, na década dos 80, neste movemento socio-cultural dende distintos eidos: primeiro formou o grupo Trenvigo, logo abriu o mítico local “Kremlim” e máis tarde pasaría a formar parte da organización de eventos tan destacados como o encontro de vangardas “Madrid se escribe con V de Vigo”, sen esquecernos da Aula de Música Moderna e Electrónica da Universidade Popular, onde moitos dos grupos mencionados ensaiaban e gravaban as súas primeiras maquetas.
Coñezamos, agora, e máis polo miúdo algunhas destas actividades, moitas das que xa forman parte da historia de Vigo.
TRENVIGO
Despois do remate da xira de ALUMINIO, o que é ata o de agora o último disco de Bibiano en solitario, no mesmo ano 1980, emprende unha nova faceta profesional e musical.
Xunto a Teo Cardalda, hoxe considerado un dos mellores músicos nacionais, e de Javier Martínez e Pablo Novoa, Bibiano funda, na cidade olívica, o grupo de rock Trenvigo, que tería unha curta vida, pero que daría moito que falar, xa que está considerado como un dos grupos que formou e que acolleu ós principais músicos da movida, músicos que despois fundarían outras formacións.
Aínda que nunca chegou a sacar un disco ó mercado, Trenvigo foi un dos grupos precursores do que máis tarde se chamaría “a movida viguesa” e os seus integrantes seguiron, despois, existosas carreiras musicais. Entre as súas máis exitosas cancións, que nunca formaron parte dun disco, cabe destacar composicións como “María Máxica”, un tema de rock sinfónico onde non había voz, “era unha composición moi con pretensións de gran obra, con moitas partes – lembra Bibiano – cun entroito, cun medio, cun fin, cun ritornelo, como dirían os clásicos, porque volta sempre ó principio”, e temas como “Era Ela”, que destaca polo canto coral, “María da praia”, “Madame Bovary” ou “Ámame en la autopista”, tema este que despois utilizaría Teo Cardalda para o disco “Las travesuras de Til” do grupo Golpes Bajos, do que foi un dos fundadores.
Nos dous primeiros anos de existencia, Trenvigo contou con poucas actuacións, e foi no ano 1982 cando de verdade se deron a coñecer ante o público galego, con actuacións en salas tan emblemáticas do momento como La Cabina, en Santiago ou o pub Satchmo en Vigo.
As novas xornalísticas daquela época definían a Bibiano como alguén novo aínda que non distinto. Enormes diferencias separan o que facía antes Bibiano, “o cantautor”, e o que fai nesta época de Trenvigo. Da música de compromiso social pásase agora a un rock marchoso e multiinfluenciado. De tódolos xeitos, esta evolución no decorrer musical de Bibiano non se trasluce en ruptura ou rexeitamento do pasado.
Con Trenvigo, Bibiano inicia unha etapa musical baseada na electrónica e nos sintetizadores, sendo acusado por algúns críticos de esquecer o folclore e as raíces do pobo galego. Ante estas acusacións Bibiano sinalou en máis dunha ocasión que seguir a utilizar o folclore como eixe fundamental da música e da temática utilizada nas cancións, podería resultar malo incluso para a sociedade, xa que, segundo o seu xeito de ver, retarda o seu desenvolvemento.
Bibiano considera que estar a cambiar as cousas é fundamental para o avance e o desenvolvemento, en tódolos campos, non só na música, senón no conxunto da sociedade. Para el, nesta época de Trenvigo, a electrónica é o futuro e o folclore o pasado. “Para min agora mesmo a única posibilidade de estar relacionado coa creación en si dunha cousa é estar maniobrando con eses aparatos... na casa, hoxe, o único instrumento que teño é un sintetizador”.
Aínda que nun principio non se falou de Trenvigo como un grupo unificado, senón como uns rapaces (“os mozos do Druída”) que se unen a Bibiano para acompañalo nunha nova aventura musical, o bo traballo que empezan a desenvolver en conxunto vaise consolidando pouco a pouco.
“A historia dos meus compañeiros xa non é unha historia que eu poida nin queira manter así como “os meus compañeiros”, non é xusto, houbo un momento en que eles ían detrás de min, miraban para min antes de empezar o tema... Pero hoxe somos un grupo consolidado e digamos que a nivel profesional e a nivel artístico eles fóronse consolidando cada un no seu posto. Os catro músicos que participan, a composición é de todos...”, sinalaba Bibiano naquela época.
Así, Bibiano e tres nomes máis (Teo Cardalda, Pablo Novoa e Javier Martínez), traballan, interveñen nunha música determinada. “E non hai aquela idea do xenio... iso acabouse”.
José (Teo) Cardalda era, como lembra Bibiano, o “guitarra quente”. “Tiña unha forza e unha linguaxe que só o facía el.... parecía que facía falar á guitarra”.
Javier Martinez, o batería, era para Bibiano a cor. (...) “era como un tren, contundente. Estaba detrás pero algunhas veces eu non sabía se tocaba a batería ou se era un ordenador. Dáballe un toque de cor.”
Pablo Novoa, o baixo “era o que interviña sobre as zonas graves”.
Aínda que en 1982 se barallaron varias datas para o posible lanzamento dun primeiro álbum de Trenvigo, este nunca chegou a ver a luz. Segundo lembra Bibiano, faltaba temática para compoñer boas letras, e completar un disco, e non é que non houbera cousas que denunciar, que incluso se podería seguir falando contra a opresión, senón que seguir denunciando era, para Bibiano, deixar de ser creativo e imaxinativo para converterse nunha obsesión, de aí que desistiran neste intento.
Existe outro condicionante, segundo verbas do propio Bibiano, que fixo que esta nova formación musical, da que Morón era un dos seus integrantes, nunca vise materializado nun disco o seu traballo. “Non se grabou nada por unha razón, porque eu tiña agotado o meu crédito diante das editoras. Houbo unha época, a da transición, na que había unhas ansias de mercado, foron uns anos nos que se vendían libros prohibidos ata ese entón e, loxicamente, os cantautores vendiamos máis discos que Lola Flores. Pero para nós viu a criba, e a calidade e o mercado mandou a todo o mundo a facer outra cousa, entre os que me atopaba eu. Puide ter sobrevivido mais o idioma foi o meu impedimento. Esixíame cantar en castelán e foi algo que eu nunca aceptei.”
Unha das últimas actuacións que a prensa recolle de Trenvigo, e de Bibiano subido a unhas táboas data de mediados de 1982, co gallo da celebración dunha serie de concertos musicais enmarcados nos actos programados dentro do Día das Letras Galegas, que organizaba a colonia galaica en Madrid. Aquí o residente en Alcabre e o resto dos integrantes de Trenvigo sorprenderon ó público coa interpretación en galego dunha coñecida canción dos Beatles, “Lucy in the sky with diamons”, que traducían como “Laura está subida a Dumbo”.
Dende a experiencia de Trenvigo comezaron a intuirse os pasos polos que seguiría Bibiano. Naquel grupo atopábanse músicos como Pablo Novoa, Teo Cardalda ou Javier Martínez, que chegaron a converterse en santo e seña da música “feita en Vigo”. Aburrimento, apatía, agotamento, e falla dun espacio onde desenvolver as súas ideas musicais levaron a Bibiano, pola contra, a baixarse das taboas para adicarse a tarefas varias. (FARO DE VIGO: agosto de 1988)
O KREMLIM
Así, este mesmo ano, en 1982, abre, en Vigo, xunto con outros socios, a sala Kremlim, adicada á celebración de actuacións de música moderna. A sala Kremlim, foi, sen dúbida, a herdeira do pub Satchmo, e tivo parte de culpa do comezo da denominada “movida viguesa”. Asemesmo, aquí iniciouse Bibiano como empresario, por unha banda, e como promotor de concertos, pola outra.
“Trenvigo coincide co final dun local que se chamaba o Satchmo, que foi o principio do Kremlim, e nesa ponte estaba o desfacerme do grupo. É máis – lembra Bibiano – como figura física elocuente desa transición dunha cousa á outra está que o meu equipo de son dos directos pasa a ser o equipo de son da discoteca, e queda fixo alí”.
Os locais que programaban concertos estábanse a facer cada vez máis pequenos para albergar ó público asistente, e esa foi unha das esenciais razóns polas que se abriu o Kremlim. Fixérono antigos socios do Satchmo, ós que se uniu o cantautor Bibiano. Nel non só actuou a práctica totalidade dos grupos musicais vigueses da época (alí empezaron a facer as súas primeiras actuacións Siniestro Total, Golpes Bajos, Os Resentidos, Aerolíneas Federales, Semen Up, ...); tamén compareceron bandas españolas (Radio Futura ou Alaska e Dinarama) e estranxeiras, e os que estiveron alí non poderán esquecer a noite na que se subiu ó esceanario un case adolescente Manu Chao ó fronte de Los Carayo. “De tódolos xeitos – recalca Bibiano – o Kremlim era máis un contenedor de ideas que unha sala de concertos. Alí fixéronse pases de moda, proxeccións de cortametraxes, montaxes teatrais e poéticos, e festas de todo tipo, como as que organizaban personaxes como Luis Carballo, director da revista “ITH”, deseñadores como María Moreira e incluso perruqueiros de estética posmoderna, que tamén os había aquí xa naqueles tempos, aínda que non se identificaban como agora, con esa verba de estilistas”.
“O Kremlim era a típica discoteca da que a xente estaba esperando que abrira, e facíanno maqueándose noutros pubs da cidade de Vigo, onde pintaban os ollos, tintaban o pelo, e se poñían todos modernos” – sinala Bibiano nunha recente conversa. “O Kremlim era a comunión dunha estética sorprendente e dun senso vangardista exquisito, tanto no significado español como portugués desta verba. Exquisito en portugués quere dicir un pouco estúpido, requintado, e exquisito tamén no senso español, de gustar ir dun xeito elevado nos tonos e nas formas”.
Sen embargo, o que máis chamaba a atención para todo aquel que entrara no local era a súa estética e a súa decoración: “Baseámonos no realismo socialista – lembra Morón – porque nós pensabamos que o logotipo máis importante do mundo era o da foz e a do martelo. É que nós eramos de esquerda, por iso o chamamos o Kremlim, o subtitulamos Pazo de Inverno e identeficábamolo como o fogar de tódolos soviéticos de Vigo. Evidentemente, o noso era unha cuestión artística e política porque, a fin de contas, nos sentiamonos parte dunha vangarda cultural, artística ou como queiras chamarlle".
“Naquel entón conectabamos coas vangardas que nese intre se estaban a dar no mundo: Madrid – Berlín; moito máis que o eixo Barcelona – Valencia – Sevilla ou calquera outra cidade española. Estabamos en vangarda e estabamos en sintonía e en linguaxe permanente cos elementos de vangarda de Madrid, Berlín, Londres o Nova Iorque e Tokio”.
A pesar de que o negocio estaba dando bos froitos, non deixaron de existir queixas e acusacións entre os socios do Kremlim. Un dos primeiros acusados de desentenderse da discoteca foi Bibiano Morón, que sae na súa defensa alegando que “no Kremlim se vendían wiskys, bocadillos e había actuacións. Pois das actuacións non se me escapa nada, dos bocadillos pode, dos wiskys tamén, pero das performances, das montaxes, dos happenings, dos concertos, das festas ou dos días normais non se me escapa nada, nin da decoración, nin da estética soviética, unha constante na miña vida, nin de aquela xente, de ninguén”.
O Kremlim xa non existe. No seu lugar erixiuse unha nave industrial, e un non pode evitar pensar que, a fin de contas, ocurriulle o que á URSS. Non obstante, apunta Bibiano, “esta sala e todos os que estivemos nela, como todos os que estiveron na movida, contribuimos a quitarlle a esta cidade o cheiro a sardiñas asadas”. (FARO DE VIGO: 21 de abril de 2002)
De 1981 a 1986, o Kremlim, un local de copas en Coruxo, foi o centro do mundo. “Eu exercía de intelectual orgánico co primeiro goberno socialista. Tódolos grupos da movida tocaron alí, todo os que tiñan algo que mostrar desfilaron polo desaparecido bar, ó que se entraba con imaxe, non con cartos”, lembra Bibiano. “Podías ter 5.000 pesetas na man e quedarte na porta. Os políticos eran “outra cousa”.
Nesta época, a de funcionamento do Kremlim, en Vigo, e con apoio institucional, celebráronse moitas actividades culturais, enmarcadas dentro da denominada “movida” e eventos tan sonados como o encontro de vangardas “Madrid se escribe con V de Vigo”.

Segundo sinalou Bibiano, no Kremlim comezaría a súa carreira profesional como promotor de espectáculos, dentro e fora da discoteca. “Antes do Kremlim eu xa montara unha patente que se chamaba “La Onda de Vigo”, que foi agrupar ós grupos de Vigo nun festival que fixemos que se chamou “La Onda de Vigo”, porque estabamos no momento da “onda”, o “hippismo”, os “porrillos”, etc. Neste festival houbo cousas interesantísimas como Nacha Pop ou Antonio Vega, a presentación de Siniestro Total para un público xa de 500 persoas...”.
Despois deste primeiro concerto como organizador, Bibiano participou nun segundo festival que se chamou “Nadal Rock”, no que se levou a cabo unha concentración de grupos rock no colexio dos Salesianos.
Despois de actuar como animador socio-cultural no Concello de Vigo en 1984, organizará nos dous anos seguintes (1985 e 1986) as Festas de Verán de Vigo.
Neste último ano organizouse, entre outras actividades, o Festival Rock “Sun Rocker” do que Bibiano Morón foi un dos seus principais promotores. Este festival celebrado a mediados do mes de agosto congregou no Parque de Castrelos ó máis destacado dos grupos vigueses integrantes na denominada “movida”. Así no “Sun Rocker’86” actuaron “Os Resentidos”, “Siniestro Total” ou “Semen-Up”, pero tamén actuaron grupos estranxeiros moi coñecidos na época, como os franceses “Chihuahua” ou os polémicos británicos “The lords of de new church”. (buscar información sobre el festival: pantallas, etc)
Este festival deu moito que falar, e nel xestáronse ideas e intencións para vindeiras edicións que nunca se chegaron a materializar. Para o alcalde de Vigo por aquel entón, Manuel Soto, este festival foi “como unha película con tódolos ingredientes necesarios. Cámaras, realizador, director, maquillaxe, actores de primeira e de segunda, todos movéndose por un plató improvisado na parte traseira do escenario de Castrelos.”
Neste ano, en 1986, a denominada “movida” estaba en auxe, e estabase a converter nun dos atractivos turísticos do sur da provincia de Pontevedra. Vigo era o centro cultural e, sobre todo, musical de Galicia. Calquera mozo español que se preciara de ser algo moderno, sabía moito de Vigo, quería vir aquí a comprobar por si mesmo que de feito existía “movida”. Un fenómeno social e cultural que logrou que Vigo estivera en boca de intelectuais, músicos, artistas en xeral, que se interesaron ampliamente en estudiar e coñecer máis a fondo este fenómeno (se puede poner las valoraciones de Miguel Cancio).
Aproveitando esta situación, o Concello de Vigo, naquel intre governado polo socialista Manuel Soto, e a Comunidade de Madrid, decidiron organizar un encontro, para que os protagonistas das dúas “movidas” consideradas máis vivas e creativas de España se coñeceran e se deran a coñecer. O proxecto inicial consistía en irmanar ás dúas vangardas en dous encontros; o primeiro baixo a denominación de “Madrid se escribe con V de Vigo”, que se celebraría e se celebrou en Vigo, e o segundo baixo a denominación “Vigo se escribe con M de Madrid” que se celebraría na primaveira de 1987 na capital, encontro, por certo, que nunca viu a luz.
Así na mañá do 20 de setembro de 1986 produciuse en Vigo o desembarco dos “en teoría” máis xenuínos representantes da “movida” madrileña, co presidente da Comunidade Autónoma, Joaquín Leguina, ó frente. A operación “Madrid se escribe con V de Vigo” desprazou nun caótico e divertido tren a un centenar de persoas á cidade olívica, entre as que se atopaban pasaxeiros tan famosos como Alaska, Sybilla, Ouka Lele, Los Nikis ou Gabinete Caligari.
Ó longo dun frenético fin de semana, o programa de actividades “vangardistas” consistiu no disfrute dos praceres gastronómicos, ir de bares ou asistir á estrea da opereta de Antón Reixa “After shave”. Inaugurouse unha exposición con obras dos últimos artistas madrileños e na praza da Constitución tivo lugar o espectáculo na rúa dos monigotes colgantes “Un país tomado pola mente”. E na noite do sábado realizouse un exitoso concerto coa participación dos grupos Gabinete Caligari, Los Nikis e os galegos Siniestro Total.
Estas dúas “movidas” ou “innomeables”, como tamén se denominou a este fenómeno cultural, e que en Vigo confrontaron as diferentes tendencias vangardistas das dúas cidades, tiñan moito en común pero tamén diferencias.
A “movida” madrileña encarnada como ninguén polo que fora alcalde de Madrid, Enrique Tierno Galván, considerábase un movemento popular que resucitou a unha capital gris. Abarcaba, fundamentalmente, a pintores e fotográfos, a artistas plásticos e músicos.
Polo que respecta ós galegos, a súa “movida” é coñecida en toda España pola súa música, ata o punto de que probablemente a canción do verán do posmoderno de pro foi, en 1986, “Fai un sol de carallo” de Os Resentidos. Siniestro Total, Semen Up e outros grupos non tiñan nada que envidiar ós máis afamados conxuntos de Madrid e doutros lugares.
Ademais de manter un colectivo importante de “movidos” no campo dos artistas plásticos, os vigueses, e os galegos en xeral, expresaron a súa vangarda nun sector moi especial e moi seu: o vestido. Noméabase moito a Adolfo Dominguez, pero tampouco hai que esquecer outras figuras como D’Aquino, María Moreira ou Verino.
FARO DE VIGO: (18 de setembro de 1986)
Para Bibiano o que sucedía en Madrid pouco tiña que ver co que sucedeu en Vigo. “O de Madrid era un movemento multiforme, xeralizado, no que tomaron parte músicos, pintores, arqueitectos, xornalistas, escritores, etc. Sen embargo, o de Vigo artellouse en torno á música e foi case estrictamente musical. Na cidade olívica todo xurdiu polo traballo duns músicos, músicos profesionais, como os que integraban “Golpes Bajos”, que xa proviñan doutros grupos e outros circuitos, verbenas, festas de barrio, etc. E de grupos pioneiros como “Bar”, “Estéreo”, “S.A.”, “Trenvigo”, “Traviesas Big Band”. En Madrid había moita máis xente metida neste asunto, máis cartos... Esta historia de Vigo tivo moito de soedade, de dureza.” (Entrevista concedida a DAMIAN VILLALAIN)
Este fenómeno sociocultural foi obxecto de atención no estudio sociolóxico da cidade de Vigo, e xerou, claro está, diversas opinións, dende defensoras ata detractoras deste movemento. Para uns foi un síntoma de modernidade, tolerancia e progresismo, namentras que para outros non foi, senón, unha manifestación máis da desintegración e ausencia de valores que predominaba na vida social moderna da época.
Neste estudio, namentras case a metade dos vigueses enquisados consideraban “a movida algo importante” para Vigo, un 13% despoxábaa de todo interese para a vida da cidade. (LA VOZ DE GALICIA)
A enquisa revelou a distinta percepción que se tiña deste novo aspecto social segundo os enquisados se atoparan no centro da cidade ou se deplazaran cara ó rural. Existía, para un nivel de información moi similar, unha diferencia substancial á hora de atribuir importancia ó fenómeno da “movida” como factor a ter en conta na vida da cidade, o que permitía calificala como algo eminentemente urbano e que non resultaba trasladable máis alá das lindes que impoñen o asfalto e as beirarrúas. (FARO DE VIGO: 11 de xullo de 1986)
Bibiano Morón pertence ó grupo dos que sinalaban, a finais dos anos 80, que “movida hai, houbo e haberá; hai quen a odia e, sen embargo, utilizaa para vender discos, e hai quen di que nunca existiu porque durante o tempo aquel non se comeu un rosco”. (FARO DE VIGO: 9 de abril de 1989)
Pola súa banda, o sociólogo Miguel Cancio preguntábase en 1986, se “non estaremos asistindo á práctica, á montaxe, dunha cultura ostentatoria, dunha cultura concebida como estratexia de distinción, dunha cultura enmascaradora, dunha cultura alucinóxena que promociona xenerosamente todo tipo de actos, encontros ecolóxicos, gastronómicos, sexuais... Nunha verba, movidas varias a conta da chequeira pública en lugar de atacar de raíz ás estructuras, instancias e instrumentos educativos, culturais e sociais que son os únicos que permitirán unha maior democratización cultural, acceso, posesión, dominio, control e disposición dos bens culturais como instrumento de liberalización e non de alineación e encadenamento”. (LA VOZ DE GALICIA: 11 de outubro de 1986)
Os grupos musicais que tanto despuntaran na época da denominada “movida viguesa” foron desfacéndose, non porque o seu proxecto fora malo, como sinalou Bibiano nalgunha ocasión, senon porque o éxito non lles daba chegado, ou porque era o propio éxito o que os separaba. Algúns dos músicos integrantes destes grupos seguiron adiante, pero xa era outra época e outra xeración. A finais da década dos 80 ese boom musical que se deu na cidade olívica foi morrendo, e a “movida” con el. Tamén foron desaparencendo, co tempo, os míticos locais sede das actuacións destes grupos.
Ademais do Kremlim, onde actualmente hai unha empresa de barcos de recreo, moitos outros locais fixeron época nos dorados 80 de Vigo. Por alí pasaron, entre outros, Aviador Dro, Los Rebeldes, Malevaje, Mary Wilson, e toda a movida viguesa e madrileña. En La Kama, que agora é un salón de salsa para puretas, celebrabanse tamén importantes concertos que terminaban con amaneceres con vistas ás grúas do porto. O Ruralex, outro mítico bar que tódolos turistas modernos traían na súa axenda como punto de visita obrigada, segue existindo baixo outro nome, Vademecwm, e é agora o templo techno, ó igual que El Manco, que reabriu conservando o seu nome orixinal.
Propaganda era o pub dos máis modernos, e Trincheira, refuxio dos xornalistas noctámbulos. Pero tamén estaban Elvirízate, Corrígete Charo (agora 7.4), Satchmo ou Neón. Incluso Antón Reixa fixo unha incursión no negocio da hostelería con Sitio Distinto. Os cafés de moda eran Rosalinda e Árbore, e o restaurante máis in, o Amarante. Ós dous últimos tragounos a urbanización da zona de Rosalía de Castro. (LA VOZ DE GALICIA: 1 de marzo de 1998)
A AULA DE MÚSICA MODERNA E ELECTRÓNICA
Pero ademais destes míticos locais, nos que os grupos vigueses da década dos 80 ofrecían ó seu público o mellor do seu repertorio, naceu, a mediados deste década, un local social para a formación musical.
Falamos, nada máis e nada menos, que da Aula de Música Moderna e Electrónica da Universidade Popular, dependente do Concello e que se inaugurou en 1985.
En 1984, e despois de analizar a situación musical existente en Vigo, no que xa despuntaban varios grupos e onde se vía que existían necesidades neste eido, Bibiano Morón presentoulle unha proposta ó Concello de Vigo na que se plantexaba a creación dun obradoiro de música e o seu seguemento. “Eu vía que en Vigo había moita espontaneidade, moito guitarreo, moito local de ensaio, pero o que non había era un estudio de grabación, non había teclados, música electrónica. Nós escribiamos en cintas e grababamos con teclados e toda esa linguaxe do protocolo de comunicación era o MIDI, que unía as caixas de ritmos e os sintetizadores e composicións electrónica. E ese era o material que necesitabamos”.
A idea calou na Corporación Municipal viguesa do momento, presidida naquel entón polo socialista Manoel Soto, e levouse a bo fin. Foron días e meses de organización de ideas, de elaboración da trama docente, de rehabilitación física das futuras instalacións (que nun primeiro momento estiveron ubicadas no primeiro piso do edificio que alberga a Universidade Popular e que un ano despois pasaron a ubicarse na buhardilla deste mesmo edificio). Ata que o 16 de marzo de 1985 o Ministro de Educación e Cultura, José María Maravall, inaugurou as instalacións, asistiu á grabación dunha maqueta entre modernos e pelos de mil cores e estampou a súa sinatura no Libro de Ouro da Universidade Popular baixo unha dedicatoria “en lembranza dunha visita estimulante e enriquecedora”.
Cun investimento inicial de dous millóns de pesetas, que se iría ampliando co paso dos anos, esta Aula pretendía formar a novos músicos, así como experimentar e estudiar novas formas e tendencias musicais. Así, con grupos de cinco alumnos, a Aula de Música Moderna e Electrónica inicia un programa que inclúe principios básicos de escritura musical, tecnoloxía, historia da música moderna e seminarios sobre harmonía, guitarra, canto, e microprocesadores e informática musical.

Bibiano Morón, responsable (mestre e director) desta Aula nunha Universidade que incluso albergaba unha escola de modelos, manifestou en máis dunha ocasión que o viu sempre moi claro: “A Aula servía para adiestrar ós músicos por medio da variada colección de instrumentos musicais que tiñamos, para a producción de maquetas e formación de profesionais de autocontrol en FM, emisoras de radio e televisión. Cumpría tamén o dobre obxectivo de investigar na nova linguaxe musical de cintas magnéticas, extendendo a tradicional escritura do pentagrama”.
Instrumentos de ritmo, con caixa e batería electrónica; instrumentos de teclado cos sintetizadores; cadena de gravación e reproducción, con magnetofóns de catro pistas, mesa de mezclas de 16 canles, ecodixital e amplificadores... todo un mundo que tiña a programación de datos como núcleo celular e que permitía rachar as fronteiras tradicionais do traballo musical e abrirse sen cortapisas ás posibilidades do mundo sonoro. Por este camiño sen lindeiros coñecidos circulaban, nos anos 80, os alumnos desta Aula, única en España das súas características que contou, en todo momento, con respaldo institucional.
Houbo intentos noutros puntos da xeografía española de imitar o sistema acuñado na Aula de Música Moderna e Electrónica da Universidade Popular de Vigo. Unha experiencia similar e posterior, o “Rockservatorio” de Madrid foi, segundo Bibiano, “unha mala copia da Aula da Universidade Popular, xa que reducía o seu campo a grupos de rock namentras que nós estabamos abertos a tódolos estilos e persoas”.
O máis importante da Aula de Música Moderna foi, segundo sinala Bibiano, a xente que se xestou nela; “foi un pequeno grupo co que abordamos tarefas de tipo estético, estudiamos o tipo de música que gustaba facer, que tipo de instrumentos eran os que nos gustaba tocar”.
“Outro éxito importante foi que gravamos dezasete maquetas e hai que ter en conta que a maqueta é un feito social importantisimo para comprender a música moderna” – continúa maniestando Bibiano. “Aquí gravaron grupos de Vigo, de Lugo, de Santiago, de Ourense, de Ferrol. Isto era impensable uns anos antes, e moito menos que funcionase institucionalmente. Todo isto serviu de base a infinidade de reportaxes en prensa escrita, radio e televisión. De aquí saiu a maqueta de Semen Up que gañou o primeiro premio do concurso Don Domingo de Radio Nacional; aquí gravouse a maqueta de Aerolineas Federales que chegou á final do Festival de Benidorm, Cardenal, Pablo Novoa, Antón Reixa... creo que está máis que xustificada a súa existencia ...”
O arquivo musical co que conta a Aula convertiuse en “histórico” xa que nel figuran cintas de case tódalas formacións de pop-rock da cidade. “Semen-Up”, “Bromea o que?”, “Las Termitas”, “Movimiento Inmovil”, “Aerolineas Federales” ou “Bajo en nicotina”, figuran na longa lista de gravacións realizadas na Aula da Universidade Popular de Vigo.
“Con tódolos problemas que houbo – sinala Bibiano – non deixa de ser ésta unha época interesante que lle serviu á cidade e que no seu momento foi unha das actividades máis relevantes da Universidade Popular. Reflexou un momento moi luminoso para moitos mozos e para moitos músicos, e de feito, tivo a súa importancia social, pola utilización que tivo, e a participación de ducias e ducias e ducias de mozos.
Despois deste percorrido polas actividades levadas a cabo ó longo da década dos 80 por Bibiano Morón, podemos considerar a este vigués de adopción un dos gurús da “movida” viguesa e “alma mater” da Aula de Música Moderna e Electrónica da Universidade Popular. Bibiano colaborou de xeito decisivo na potenciación, publicitación e difusión da música “feita en Vigo”.
Referencia a “Para Vigo me voy”: FARO DE VIGO: 16 de agosto de 1986: Noticia sobre o concerto Sun Rocker’86 celebrado en Castrelos entre o 14 e o 17 deste mesmo mes. “(...) El final con desfile de árboles navideños en manos de Reixa y Julián. La salsa con mucho corazón, “Para Vigo me voy”. Siniestros y Resentidos pusieron el broche de oro con el sabor “dulsón” del “asúcar”.