| SOÑAMOS Soñamos, si. O noso soño é grande como a nosa terra por máis que as murallas nos escondan temos motivos pra seguir soñando. Hoxe temos estrucutras estructuras concretas sobor das que apoiar o que afirmamos... Non estamos nuos, nin desamparados pola razón; nin estamos cegos... Non somos camiñantes sin camiño, nin tanteamos na noite coma denantes. Connosco levamos unha central eléutrica. Estamos curtidos de leñazos e fame. Mais xa non temos medo. Andivemos noite dende a prehistoria oíndo mentiras... Agora sabemos, afirmamos e negamos, perguntamos i eisiximos tercamente. Agora edificamos, agora sabemos a verdade de todo o que pasa. Vidal de Nicolás MARÍA SOLIÑA Polos camiños de Cangas a voz do vento xemía: ai, qué soliña quedache, María Soliña. Nos areaes de Cangas, muros de noite se erguían: ai, qué soliña quedache, María Soliña. As ondas do mar de Cangas acedos ecos traguían: ai, qué soliña quedache, María Soliña. As gueivotas sobre Cangas, soños de medo tecían: ai, qué soliña quedache, María Soliña. Baixo os tellados de Cangas, anda un terror de auga fría: ai, qué soliña quedache, María Soliña. C.E. Ferreiro A CAMPÁN DO POBO Eu miro pra arriba e penso: ¡quen poidera ser campán pra despertar ao meu pobo co meu son pola mañán! Eu diría aos meus hirmáns coa axuda do ar: ¡érguete, pobo galego, érguete, érguete xa! Bibiano CANTIGA DE CEGO Iste ceguiño que vedes cantando de entrambos ollos de cara cegóu. Mais por agora vaise gobernando polo outro ollo que inda lle quedóu. Este que vos digo contáronmo a min volvendo da feira de Portomarín con outras cousiñas que vos contaréi; si son ou non certas, eu non volo sei. Como son vello e fáltame a vista, cando unha moza me ven a falar, pra me dar conta si é gorada ou é fraca teño por forza que as maus apelar. E teño ouservado que as hai que se rin, e outras moi pouquiñas que foxen de min. A mor parte delas chaman polas nais, pro chaman baixiño e arrímanse máis. O fogueteiro de Santa Mariña sete foguetes na festa botóu; non sei qué diaño de pólvora puxo que todo o campo da festa apestóu. Este que vos digo contáronmo a min volvendo da feira de Portomarín con outras cousiñas que vos contaréi; si son ou non certas, eu non volo sei. Ana Marica quedóuse soliña porque o seu home pra Cuba marchóu; e tal desgosto colléu a rapaza que gravemente a coitada enfermóu. E sólo quería que a fora coidar un primo que tiña no mesmo logar; e despois decía, cando xa sanóu: - gracias ás fretiñas que Manoel me dóu -. O zapateiro da vila de Sarria cando ás mozas sacaba bailar; cunha subela que tiña escondida a todas elas quería furar. Este que vos digo contáronmo a min volvendo da feira de Portomarín con outras cousiñas que vos contaréi; si son ou non certas, eu non volo sei. Popular BERROS DE LOITA Alá ven cara ós eidos baixando a xauría de lobos famentos. Alá ven, cal enchente que arrasa as colleitas nos meses de inverno. Non se contan. E avantan en ringla cara á aldea choutando lixeiros aprestados cos cans a loitare e facer na facenda estragueiro. ¡Upade, mociños!. ¡Patrucios, ergueivos e á loita aprestádeos con paus e fungueiros! Alá ven, son os lobos. Nos ollos tran da nosa ruina o refrexo. ¡Cómo alampan na noite!. Mirádeos a preada cheirando nos ventos. Se deteñen. Parece que entre eles deliberan e toman consello. Se esparexen e a aldea rodean pra asaltala millor dise xeito. ¡Pillade as forcadas!, ¡soltade lixeiros os cans e apurrádeos!. ¡Á loita, labregos! ¡Cómo os cans a seus donos defenden! ¡Cómo a xente choutóu xa do leito! ¡Cómo loitan os homes con fouces! ¡Cómo axúntanlle pedras os nenos! ¡Xa recúan!. Avante mociños. Os petrucios, mulleres e nenos. Sempre avante. O vindeiro que atope roxo o campo de lobos cuberto. ¡Upade, mociños: patrucios, ergueivos! ¡Que o sol do porvir alumée ó pobo galego xa ceibo! Xosé M. Cabada Vázquez MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR Agora tomo o sol. Pero até agora traballéi cincoenta anos sin sosego; comín o pan suando día a día nun labourar arreo. Gastéi o tempo co xornal dos sábados; pasóu a primavera, veu o inverno. Dinlle ó patrón a frol do meu esforzo e a miña mocedade. Nada teño. O patrón está rico á miña conta, eu, á súa, estou vello. Ben pensado o patrón todo mo debe. Eu non lle debo Nin xiquera este sol que agora tomo. mentras o tomo, espero. C.E. Ferreiro VELLO CAN DE PALLEIRO ¡Ai!, rabioso e vello can de palleiro deste conta de que vas morrer, e non poderás trabar, e non poderás morder e os teus podridos dentes verás caer caer un tras doutro verás caer até que caia toda a túa dentadura a túa forte dentadura viráse abaixo, abaixo a dentadura. Bibiano DE PEQUENO De pequeno, como calquer neno do tempo dos pinrieles, eu, Bibiano Morón, uséi papeles de algodón. Todo o mundo, si non me confundo, os días de festa tiña a ben mercarlle ós nenos un “parisién”. Pero agora todo cambióu e medio mundo toleóu. A xente nova non respeta a ninguén, os nenos de hoxe non queren “parisién”. Agora os nenos chámanse nenes e os que dan clase son os “penenes”. A xente non quere vivir con apreturas i está en contra das dictaduras. Parece que están frolecendo os caraveles e on hai gana de aturar ós peleles. Bibiano ESTAMOS CHEGANDO Ó MAR Estamos chegando ó mar ó mar, ó noso mar. E logo teremos o norte cos mariñeiros, o vento e as gueivotas, e, na praia, o mar. Diante de nós as mareas, as chalanas e os peixes. Diante de nós unha vida enteira para remar. Agora non temos medo que chegue o inverno. A nosa gamela campeará o temporal. E mentras na beira da ría, os meus compañeiros, fan barcos nos astilleiros pró novo día. Bibiano LOITEMOS Loitemos, loitemos que o sol sigue queimando. Todos xuntos, xuntos todos, na mesma língoa, no mesmo chan. Loitemos, loitemos, que as tebras siguen medrando. Cos mesmos ollos, coas mesmas mans, con toda a forza no mesmo chan. Loitemos, loitemos, que a morte sigue bruando. Lois Diéguez CUADRAS POPULARES De madeira de cacique teño que facer un carro; as rodas de pregoeiro, estadullos de escribano. Iste pandeiro que toco por moito que repenique, non teñans medo que rache que é de coiro de cacique. O cura vandéu a burra pra non darlle máis cebada; agora vai ós enterros a cabalo da criada. O cura cando vai fora déixalle dito á criada: veña tarde, veña cedo, déitate na miña cama. O cura da miña aldea ten unha pena que o mata: nacéulle un grao no cu como o corno dunha vaca. Preguiceiros do convento, aprendede a traballare, que o pan do kirieleisón sempre non ha de durare. Cando un probe se emborracha todos din: ¡que borrachón!; cando se emborracha o rico: ¡qué gracioso está el señor! Enriba do aiuntamento hai un niño de carrizos que se cagan polo alcalde e máis pola nai que o fixo. As mozas de eiquí e de alá xa non se poden casare, porque o rei chama ós rapaces prá Alemania a emigrare. Viva A Cruña, viva Lugo, viva Ourense e Pontevedra; que se vaian pra outro lado ises ladróns da nosa terra. Popular A DEPRESIÓN Unha gran depresión asulaga ó país, i eu por eso non respiro do narís, e os nenos anceian chupar no regalís, e os maiores misturan coñac con anís. Dicen os sabios que a depresión ten por motivo baixar a tensión. Hai moitas maneiras de topar ca depresión e a min atácame diante da televisión. A depresión é fatal prá función sexual, e tal cousa nos demostra que hai moito animal. Tamén é mala cousa a depresión cultural, a depresión sindical e a depresión pericial. É unha cousa moi triste a depresión nacional. Ésa é unha enfermedá que veu da capital; a depresión a trouxo o estado fatalista i agora é preciso unha etapa optimista. Si somos un pais de deprimidos será moito mellor non darse por vencidos. Bibiano AS DÚAS PRAGAS Baixo dun ceo promizo e bretemoso unha negra montaña; baixo a montaña negra, unha curtiña de árboles decotada; pacendo na curtiña, media ducia de ovellas esfamadas; e celosas gardando esas ovellas murchas, tristes, de aldea, as catro casas. Dentro de cada casa, unha cociña escura e afumada, dentro de cada cociña, unha fogueira que o frío vento apaga, xunto cada fogueira, cavilosa, unha testa incrinada; dentro de cada testa, un pensamento de próxima fuxida, ou de venganza... ¿Qué acontece na aldea? Antes de agora vina, e alegre estaba; nela todo eran festas e trouleos, e bailes e fiadas, nos campos escoitábanse as degrúas dos sachos e as eixadas, nos fogares, as frescas harmonías das risas que estrelaban. ¿Qué demos acontece nesta aldea?... ¿Cal foi das sete pragas a que eiquí descargou, matando a súa xovialidade sana? Cravado por tres cravos baixo a copa do cripreste da entrada, calquera pode leer este letreiro: “HAI ESCRIBANO E CAPELLÁN EN CANGAS”. M. Curros Enníquez O CAMALEÓN Troca a súa coor o camaleón decote, a diario, move a súa coor, subido no albre, a língoa botando, coméndose moscas con deleitación. É un gran burgués o camaleón. Parece algún home o camaleón. Alí onde se atope adata a coor. Parece algún home o camaleón. E si a pós no roxo bota unha esplosión. É un gran burgués o camaleón. É un mamalón o camaleón. Vicente Araguas OS CABALOS BRANCOS Hoxe apuntaron a descarga contra a ialma, e pola rúa hai calma; os mismos cadabres de sempre siguen bebendo nas tazas. E os cabalos brancos, e as ovellas negras, e os dos dentes largos xogando ás prendas. Xogando ás prendas os dos dentes largos, e agardan as rendas os cabalos brancos. Bibiano GARDA A NAVALLA Deixa moi ben gardadiña a navalla, que ti con eso agora non furas; e ponlle unha nova pila á linterna, e non camiñes xa máis ás escuras. Tranquilo. Non berres, que o mellor alcume é que a chimenea hoxe non bote fume. Mándalle axiña recado a Xosé pra que hoxe non encenda o forno, e tamén que lle diga a Miguel que hoxe dé o seu descanso ó torno. Eu vou correndo avisar ós do andamio pra que apaguen xa o soplete, e dentro de cinco minutos xuntarémonos todos no retrete. Fáille unha seña ti ós da grada, que se poñan escoitar un momento; estando a fábrica parada óese traballar ó silencio. Bibiano AMADOR E DANIEL Erguéstesvos cedo aquel día. - A costume do do traballo - mañá – cediño pra facernos coa vosa morte. Bibiano NEGÁMONOS Negámonos a estar sempre mirando pra onte. Precisamos beber auga das novas fontes. Queremos construir novos rueiros e pontes, e camiñar na libertá da beiramar ós montes. Estamos berrando ó pobo a nova palabra. Pra enterrar o morto da vella historia amarga hai que berrar de novo e tumbar murallas petando no silencio dende as entranas. Xa medre o home novo entre as vellas barriadas, entre vilas e aldeas, por talleres e aulas, de barraca en barraca, de praza en praza, deixando o lume aceso da nosa voz nas fábricas. Bibiano ALBORADA Que ninguén diga palabra que nin tan xiquera gaste saliba pois non fai falla escomenzaremos da nada. O camiño será o mesmo será roxa a alborada seguiremos rexamente pola senda sinalada. Onte dúas, agora tres iso ninguén o agardaba o que pra nós é un soño pra moita xente é un drama. É por iso por que canto ista cantiga de espranza temos un meniño ceibo miña compañeira amada. Bibiano AGORA ENTRAMOS NÓS E como si se tratase de abrir unha porta e atopar unha nova mañán fresca, fresca, fresca... fresquiña, un día de lus amplio e redondo: agora entramos nos no tempo fondamente - agora entramos nos respirando no presente. Unha época abrimos en nome do progreso enfrentándonos á historia e ó suceso - agora entramos nós xunguidos como edras agora entramos nós duros como pedras, - agora entramos nós abrindo as cadeas vento libre ás pombas que as pombeiras están cheas. Bibiano PROFECÍA Eu sei que en cada tumba atópase unha espada. Agardando. Eu sei que en cada morto pervive un berro. Agardando. Eu sei que pra aquela derrota hai unha victoria. Agardando. Eu seino. Dinmo os vosos nomes Sobor das lousas. Agardando. Salvador G. Bodaño OS ORFOS O rapaz da mariña berraba: ¡hai meu pai! O da montaña non, il decía: ¡hai miña nai! Un era orfo e iste tamén, un soñaba cos barcos e o outro co tren. Xuntáronse no xogo un día E aprenderon a filosofía da xente ó rente; as moreas do prestixio un neno prodixio. Hai unhos pais xuntos, o branco dos difundos; hai un montón de nenos chupando caramelos. Hai un balón, o fillo de Don; hai unha gabardiña, aquela cousa fina. Escoitaron papá e mamá e lembráronse do máis alá; como río sin mar míranse ben ós ollos; xogaron por xogar, xogaron por xogar. Vázquez Pintor CANTARÉI Cantaréi a miña canción e fuxiréi. Mañán no mencer fuxiréi cando despertedes vos xa co sol no ceo non atoparedes máis que o lume aceso da miña voz pero esta noite seréivos o hóspede. Abrídeme a porta, os brazos e os ouvidos e o corazón de par en par porque é vosa a canción que ides escoitar. León Felipe VIRÁ O OUTONO Virá o outono, caerá un cerco, derrearánse os muros e abriránse ao vento as casas e máis casas. Virá o outono, sinto o seu sangue xa camiñar polas veas dos nosos campos quedos. Virá o outono, o vexo nos ollos cegos. Virá o outono e unha xorda tormenta rachará dende Ribadeo a Tui esas veas que aniñan no sopor, que tranquilas agardan o triunfo do cabaleiro vermello que vai chegar. Mahamud Z.V.C. ENTERRO DO NENO PROBE Punteiros de gaita, acompañábano. O pai, de negro. No mar unha vela branca. Os amiguiños levábano; non pesaba nada. Abaixo, o mar. O camiño no aire da mañá. Il iba de camisa limpa e zoquiñas brancas. Os amiguiños levábano; non pesaba nada. Luis Pimentel EU DIRÍXOME AO HOME Eu diríxome ao home que se dobla e leva a ferramenta entre as súas mans o home que queimóu a súa pupila no brilo ausoluto dos platos o que sementa na escura compañeira unha door de cadea e de letargo. Eu diríxome ao home, esquencínme da lúa, da brisa, do cisne, do cristal e do piano. O home ciruxano da terra que saca das súas entranas raios i entérrase nas minas pra mover os barcos. Manuel Pacheco SI VAS Ó CONVENTO DE HERBÓN Si vas ó convento de Herbón vira polo direito, verálo San Benitiño botando auga polo peito. Miña nai e maila tua quedan no río berrando por culpa dunha galiña que tiña amores cun galo. Unha perna ténoche eiquí, outra no teu tellado; mira si te quero nena que estóu escarranchado. Popular PRÁ MOCEDADE Temos que alcender un facho de baril inconformismo. Non, non, diredes decote ós profesores de mitos que queren de contrabando pasar falsos paradisos. Non, non, diredes arreo ós que van no seu machiño cabalgando moi contentos entre nubes de outimismo. Non, non, debedes decir ós que sinten por oficio. A verdá, sóio a verdá da terra na que vivimos, labrada en berros de lume, nacida en berce cativo. A verdá, sóio a verdá da terra na que vivimos. C.E. Ferreiro PATRÓN Patrón, ben sei que túas son as máquinas e os ferros que de cotío teño que mover; túas son as portas, as chaves e as esqueiras que ruben até o outo da chimenea que preside o taller. Sei, patrón, que dende o bolígrafo do oficinista, e a navalla do electricista, e o derradeiro camión é teu, e máis queres ter. Sei, patrón, que sae a túa voz oubeante pola sirena decindo que xa poido botarme a correr. Tamén sei, patrón, que miñas son as mans e que sin alas nada poderías ter; e o día que as xuntemos verémoste correr. Bibiano VENCEREMOS NÓS Venceremos nós, venceremos nós. Algún día venceremos. dende o fondo da noite dime o corazón que algún día venceremos. Collidos das mans, collidos das mans. Coas mans de todos faremos un camiño na noite. Dime o corazón que algún día venceremos. Nós non temos medo, nós non temos medo. Nós non temos medo hoxe. Dende o fondo da noite dime o corazón que algún día venceremos |