 Bibiano Morón nace en Santiago de Compostela a finais de 1950 no seo dunha familia de traballadores. É o segundo de tres irmáns e convive, dende moi pequeno, coa súa nai e os seus tíos, sen a presencia do seu pai. Este, que facía vida aparte, e non participa da convivencia familiar, é un antigo membro do bando republicano, que emigra despois a Cuba, por cuestións políticas, e onde se nacionaliza. Bibiano Morón, con tan só dez anos ingresa na Escolanía da Catedral de Santiago, onde comeza a estudiar solfeo e canto gregoriano baixo a dirección de D. Antonio Santomil. Neste mesmo ano, en 1960, tamén inicia estudios de guitarra co profesor San Luis no Conservatorio de Santiago. Ó destacar como cantor e músico é seleccionado para os “Nenos do Coro” e para a “Orquesta de Capela” da Catedral de Santiago, no que permanecerá cinco anos, actuando baixo a dirección do profesor Broto Salomero. Tamén intervén como voz triple na “Scola Canturum” baixo a dirección de M. Pérez Rajoan. Aínda que Bibiano é coñecido, sobre todo, por cantar en galego, os seus inicios foron ben distintos, como el mesmo deixou claro nalgunha entrevista: “Ó contrario do que pensa a maioría da xente, eu non comecei cantando en galego, senón en latín, música relixiosa. Non empecei cantando poemas de Celso Emilio Ferreiro a Galicia senón salmos a Deus”. (entrevista concedida a Damián Villalain) Nesta primeira etapa Bibiano participa, cantando en latín, en misas solemnes para o Apóstol Santiago, e en motetes e misas pontificiais como el ben sinalou en máis dunha ocasión. Esta situación, que duraría ata os quince anos de idade, marca a Bibiano no que á práctica da liturxia catedralicia se refire. Estas experiencias eran consecuencia dunha educación, forzada pola situación persoal e económica da súa familia, que o levan a declararse, posteriormente, como unha persoa agnóstica, e así educará á súa familia. En 1965, con tan só quince anos, comeza a traballar nunha tenda de confección, aínda que continúa estudiando, cursando terceiro de bacharelato no Instituto Arcebispo Xelmírez. Esta época coincide co seu ingreso no Grupo de Gaitas da OJE. Ó ano seguinte, en 1966, funda en Santiago, xunto a uns amigos, o grupo “Los Tanos”, coa intención de imitar o mellor posible ós Beatles, aínda que o resultado foi, como el mesmo o definiu: “a creación de versións en inglés macarrónico dos éxitos dos grupos anglosaxóns do momento”. Despois de intervir en incontables festivais de fin de curso, bailes, etc., funda o grupo profesional “Los Thakers Fusion Combo”, unha fusión de varios grupos de Santiago influenciado por Aphrodite’s Child, Wallace Collection, Mamas & Papas, etc. O seguinte grupo chámase “O Noso Tempo”, de música estandar con repertorio en inglés, castelán e galego. Este é un dos primeiros grupos que tiñan un nome galego. Segundo as verbas que Bibiano deixou reflexadas no libro de Victor Claudín, “Canción de autor en España”, “O Noso Tempo non sabía moi ben como configurarse, pero nun principio comezamos a cantar aquela canción Cuando un hombre se enamora, cantabamola en galego, que xa era a hostia naquel intre; e paralelamente comezamos a anotar cantos en galego”. Neste grupo, ademais de Bibiano, estaba o seu irmán Tino, baixista e Luis O neno, batería. Neste intre, e influenciado polos acontecementos que están a suceder (Maio do 68, reivindicacións estudiantís e laborais, etc.), Bibiano comezará a súa militancia política galeguista e de esquerdas baixo as siglas do Partido Comunista, no que ingresará en 1972. Antes deste ingreso no PC, Bibiano Morón entrará a formar parte de Voces Ceibes, en 1971, un movemento cultural e musical, nado a raíz dos acontecementos de Maio do 68 en Santiago. Era este un movemento que aglutinaba a un grupo de persoas, cantautores a maioría, que a través da canción, facían unha enraizada defensa do idioma galego, e loitaban pola defensa da cultura da súa terra, Galicia. |