Menu Content/Inhalt
Inicio
CAPÍTULO II: O NACEMENTO DA CANCIÓN GALEGA: “DE VOCES CEIBES Ó MPCG” PDF Imprimir

No mes de marzo de 1967, aproximadamente, o cantautor Raimon deu un recital no Estadio da Residencia de Santiago (hoxe…). Isto supuxo unha experiencia definitiva para os primeiros cantantes galegos, xa que era ver por vez primeira unha canción cun texto, con valor intrínseco que non se bailaba, que arrastraba ás masas, una serie de inquedanzas que vivían os estudiantes de Santiago. Raimon fixo sentir a unha serie de universitarios de toda Galicia una experiencia colectiva.

Na historia de “Voces Ceibes” a primeira páxina débea ocupar aquel recital de Raimon, colocándoo, evidentemente, no xusto punto. Raimon non viu a descubrir a viabilidade da canción en Galicia. Digamos que naquela ocasión, xentes, cancións e Raimon fixeron posible sentar as bases desta realidade.

Un ano despois destes acontecementos a Facultade de Mediciña de Santiago viviría unha experiencia inolvidable, que orixinaría, agora si, o nacemento de Voces Ceibes. Corría o mes de abril de 1968, concretamente o día 26. A facultade de Mediciña amanece repleta de bandeiras galegas. Varios miles de estudiantes apíñanse á entrada. Fora, os grises. Sobre un improvisado palco e ó amparo da Nova Canço Catalana, os integrantes de Voces Ceibes – Benedicto, Xavier, Moscoso, Araguas, etc. – lanzan o panfleto, acompañados polo “trinta e tres” dunha guitarra calquera.

“Loitemos, loitemos, que a lúa segue brilando…”, canta Benedicto. Centos de miradas crúzanse coa emoción e a solidaridade que dá o medo. Era sobre todo iso, rollo emotivo. E bastaba. Era unha sonoridade suficiente para o bautismo de fogo. Era a prehistoria musical dun novo tempo: un himno para a batalla. Ou ó menos así se cría ese día e naquel lugar. Neste recital quedan constituídas Voces Ceibes (estaban Miro Casabella, Vicente Araguas, Xerardo Moscoso, Guillermo Roxo…)

“A partir de aquel día, os boletíns de información da Coordinadora do Movemento Estudiantil, das delegacións de información das diferentes facultades, comezáronse a facer en galego; e ó final do curso saiu un gran dossier informativo con todo o que fora absolutamente inédito na historia da Universidade galega e na historia de Galicia”. (declaracións de Benedicto no libro Canción de Autor en España de Victor Claudín; páx. 121)

Ó mes seguinte deste primeiro recital, unha tarde de maio de 1968, foi cando Margariña, a muller de Alfredo Conde, lles propuso ós amigos reunidos no Bodegón do Hotel Compostela, en Santiago, o nome colectivo de Voces Ceibes para a aventura músico-contestataria que acababan de emprender. Eran un puñado de universitarios intrépidos de nomes aguerridos como Rojo, Vicente Araguas, Benedicto García ou Xavier. A todos lles pareceu que o de “Ceibes” quedaba suficientemente rompedor e reflexaba de maravilla o ideario estético entre enxebre e underground do que se tiñan provisto.

Unha vez adoptado o nome de “Voces Ceibes”, o grupo fixo a súa presentación pública no teatro Capitol de Santiago, cun cartel anunciador de Antón Patiño. Aquel especie de movemento atraía, en efecto, non só a aspirantes ó éxito musical senón tamén a artistas plásticos e escritores.

Vicente Araguas definiu en agosto do 70 os obxectivos de Voces Ceibes como a creación dunha “verdadeira conciencia social no pobo galego. O contido das nosas cancións é social e cultural. Pero non é a cultura pola cultura, senón como algo completamente imprescindible para Galicia”. Rexeitan o folclore como vehículo de expresión, manipulado ata ese intre pola ideoloxía fascista, asumindo novas formas influenciadas por Raimon e outros cantantes cataláns, alonxáondose do esquema estético imperante. Musican poemas de autores coñecidos ou novos, difundindo a poesía galega do momento. E a súa pretensión é o achegamento á realidade social do seu pobo, reflexándoa no seu traballo. (Canción de Autor en España. Victor Claudín. Páx. 117)

DNI de Bibiano expedido no ano 1970, nel aparece como estudante

Simplemente, eses mozos tiñan descuberto a verba. Alucinaban con aqueles versos de Celso Emilio e outros poetas. Esteticamente, sen embargo, eran aínda carne de Beatles e o primeiro pop azucrado, aínda que os máis enterados tivesen ouvído xa algunha cinta pirata de Els Setze Jutges. E así, entre o mimetismo e o ardor político-guerreiro, naceu a audiencia dunha música sofrida para un tempo duro.

Estes mozos universitarios, denominados “Voces Ceibes” incluso se atreveron a entrar no mercado discográfico. Foi por intermediación do poeta Salvador García Bodaño que entraron na compañía catalana Edigsa. Publicaron dez singles aínda que non chegaron a converterse en ningún record de vendas. O grupo adicábase, maiormente, a aparecer en pequenos locais de asociacións culturais, en actos xeralmente organizados por militantes comunistas, en recitais nos que non actuaban como grupo musical senón como cantautores individuais que compartían un mesmo escenario e unhas mesmas inquedanzas. Pero a censura da época vía neles un terrible perigo, sobre todo tralo manifesto no que expuseron as súas liñas programáticas: dignificación lingüística e compromiso coas clases traballadoras. Nin os seus colegas cataláns, vascos ou madrileños se atreveran a tanto.

Cabe destacar que Voces Ceibes non foi nunca un grupo pechado, senón que houbo un certo vaivén dos seus membros ó longo da súa historia. Deste xeito, no ano 1971, Bibiano Morón entra a formar parte deste colectivo social e cultural, que tiña na música a súa mellor arma.

Segundo sinalou Vicente Araguas no seu libro “Voces Ceibes”, “xa metidos no ano 71 batín con Bibiano Morón a través de Ramón G. Balado: Bibiano era un músico curtido en toda clase de liortas musicais. (...) Bibiano empezou con nós acompañándome ó piano e á guitarra, e por certo, que a primeira eléctrica que manexei era unha fender con wah-wah que pertencía a este santiagués, pequeno e listo como un rato”.

“O valedor de Bibiano, na súa transición da canción comercial á protesta pura e dura, era Ramón G. Balado, pintoresco personaxe que traballaba de disc-jockey na discoteca Johakim e que facía reseñas musicais en El Correo Gallego. Pois ben, que era tan listo como parado (lento de reflexos quero dicir), andaba coméndolle o coco a Bibiano por considerar que o Morón valía bastante máis que para perder o tempo en bailes de festas parroquiais ou similares. Máis adiante, xa con Bibiano no novo camiño, ó Balado – teño a lixeira impresión – entráronlle celos por ter perdido a mans doutros o seu papel de Pigmalión. Pero o certo é que Bibiano – talento natural – axiña demostrou que non precisaba doutras andaduras nin tacatás, senón as da súa categoría, humana e artística.

Dicía que, para comezar, Bibiano fora o meu acompañante nun par de actuacións madrileñas. Primeiro no Whisky Club da rúa Diego de León. Alí celebrouse algo así como unha semana da canción de autor peninsular. (...) En contraste coa seriedade case abacial de Benedicto, a miña fora unha actuación “marchosa” por mor do piano de Bibiano, o baixo de Tino (Morón) e a batería de o Neno. Con eles, a canción protesta deixaba de ser un óso antipático e duro de roer para mudarse nun perepete doado de meter pola gorxa. Claro que no aire ficaba a dúbida que conleva o vello dito español: Si la píldora bien supiera no la doraran por fuera. E a miña pílula, neste caso concreto, viña ben dourada polo talento musical de Bibiano.

Nesta época, na que Bibiano comeza a actuar con Vicente Araguas, ou no que Vicente Araguas comeza a actuar co grupo de Bibiano “O Noso Tempo”, a situación de Voces Ceibes atravesa unha etapa delicada. Tras varias discusións internas, abandona o grupo Miro Casabella e entra a formar parte de Voces Ceibes Suso Vaamonde – “un rapaz de Vigo, voz potente, boas intencións, aínda que con certa tendencia á monotonía á hora de facer cancións” – lembra Vicente Araguas no seu libro sobre Voces Ceibes. Pero, continúa Araugas, “traía toda a ilusión do mundo”.

“O caso é que Vaamonde entrou en Voces Ceibes da man de Xerardo Moscoso, sen que este consultase comigo nin, obviamente, con Benedicto, que, ademais de estar na mili, estaba mal visto polo mínimo “clan” que a esa altura formabamos o grupo. Nin que decir ten que, pois Xerardo metera a Vaamonde “pola cara”, eu fixen o propio con Bibiano. E a nova composición quedou selada un domingo en Pontevedra, na casa de Alfredo Conde, formada por Xerardo Moscoso, Suso Vaamonde, Vicente Araguas, Bibiano e Benedicto”.

Deste xeito é como Bibiano pasa a formar parte de Voces Ceibes, un movemento político-cultural que tiña como obxectivo primordial o de normalizar a música e a canción galega, e así o lembraba nunha recente conversa:

“Eu ingreso en Voces Ceibes froito da miña relación con Vicente Araguas”, unha relación baseada, principalmente, nas longas conversas que mantiñan. “Empezamos falando de música e dos grandes intérpretes internacionais do momento, como Bob Dylan ou Dylan Thomas, e dos movementos culturais e musicais que se estaban a dar por aquí e froito desas conversas prodúcese o meu achegamento á música de contido, á música de autor, á música rebelde”.

Este cambio no xeito de ver a música e a vida en xeral estivo causado, segundo lembra Bibiano, “por unha reflexión filosófica, política, artística e humana moi profunda, e de moitas horas de diálogo”.

Este compromiso que adquire con Vicente Araguas ó pasar a formar parte do movemento Voces Ceibes, foi un compromiso adquirido, ó mesmo tempo, con todos aqueles mozos estudiantes revolucionarios da época.

Aínda que existe un acto formal de ingreso en Voces Ceibes, Bibiano xa viña cantando en galego dende tempo atrás, co seu anterior grupo musical “O Noso Tempo”.

Como o mesmo Bibiano o definiu, Voces Ceibes “foi un punto de partida, un tratamento máis ético que estético. Era unha posición persoal dos músicos ante a cuestión política, ante a cultura,…”. Voces Ceibes aglutinou a un grupo de xente que ofrecía recitais ó longo da xeografía galega, recitais reivindicativos que tentaban mostrar á sociedade a realidade que estaba a vivir o país, recitais que movían a moita xente, e que a maioría das veces se tornaban en mitins políticos, coas consecuentes prohibicións por parte do goberno da época.

Os membros de Voces Ceibes, entre eles Bibiano Morón, eran cantautores individualistas que compoñían as súas cancións e que compartían un escenario, pero rara vez facían cousas colectivas, como a interpretación, ó remate dos recitais, dalgunha canción popular.

De feito, Bibiano sinala que “o máis importante de Voces Ceibes era o que representaba o movemento e o estilo de poñerse diante da xente cunha guitarra e cunhas cancións que outra cousa. Como estructura era o menos interesante, o máis parvo que vin na miña vida”.

Bibiano tocando a guitarra

Outra das actividades a destacar de Voces Ceibes era os debates que se plantexaban ó remate dos recitais. “Éramos – lembra Bibiano – un grupo de intervención política a través da canción”.

O primeiro recital no que participou Bibiano, como integrante de Voces Ceibes foi no Colexio Maior Universitario La Estila, en Santiago de Compostela, con instrumentos electrónicos. Con Vicente Araguas percorrería moitos centros universitarios e se presentarían en Valladolid e Madrid (Burbons, C.M. Ensenada).

A principios do ano 72 actúan en Salamanca, Milán, Roma… despois en Suiza e Francia, sempre en contacto cos centros da emigración galega. En compañía de Benedicto, Fanhais, e José Alfonso cantaría na Sorbona e na Fiesta de la Información Española, en Bruxelas.

Asemesmo, iníciase en Galicia a experiencia de participar en festas populares. En Rubián (Lugo), en Cambados, Pontevedra, comezan a traballar con instrumentos populares. Participa, tamén, na elaboración do segundo manifesto de Voces Ceibes, onde se asimilaba o interese polo folclore e os instrumentos populares.

Nunha destas xiras musicais con Voces Ceibes, concretamente durante unha xira que estaban a facer por Italia, Bibiano decide ingresar no Partido Comunista.

“O 11 de marzo de 1972, estando eu en Roma, concretamente no barrio de Trastevere, tomando un café con Ignacio Gallego e Manuel Azcara, me entero, a través da prensa italiana, dos feitos históricos ocorridos en Ferrol o día anterior e nos que morreran os traballadores Amador e Daniel. Consecuencia do impacto que me produce esta nova e das explicacións que me dan os meus compañeiros de mesa, que me sinalan que non existe ningunha solución persoal ós grandes problemas e de nada vale ir por libre, decido ingresar nunha organización política. Naquel intre o Partido Comunista era o partido, non un partido, senón O Partido, e así o chamabamos.

Nós (Bibiano e algúns dos seus compañeiros de Voces Ceibes) estabamos na Comisión de Cultura do PCG, no Frente Cultural. Cabe sinalar, en contra do que se pensa, que o Partido Comunista nunca influiu en nós á hora de compoñer, salvo en contadas ocasións nas que nos chamaban para facer algunha canción para algún acto electoral concreto.

Asemesmo, o Partido Comunista organizou moitos dos recitais nos que Bibiano e os seus compañeiros participaron nos anos seguintes, aínda que a maioría eran fora de Galicia, tanto nas principais cidades españolas como nas capitais europeas. Aquí, sen embargo, a maioría dos recitais eran organizados polas asociacións culturais e por xente independente.

Tamén en 1972 gravaría, co resto dos integrantes de Voces Ceibes o L.P. colectivo “Cerca del mañana”, disco clandestino no que tamén participaron Elisa Serna ou Luis Llach, entre outros. “Un disco, segundo o definiu Vicente Araguas no seu libro “Voces Ceibes”, de portada arrepiante – vermella e negra – cun mapa de España do que foxen, espavoridos, Galicia, Euskadi e Cataluña. Este LP, auspiciado por CC.OO. é hoxe un documento valiosísimo, peza de coleccionistas.

Nel participaron, ademais de Lluis Llach e Elisa Serna, tamén Julia León, Pablo Guerrero, Xavier Ribalta, Imanol Larzábal, Adolfo Celdrán e Juanele. E os galegos, claro, que foramos a Madrid – continúa parafraseando Vicente Araguas no seu libro – en dúas tandas, corría a primavera do 72, a gravar nuns estudios da Calle Vallehermoso”. Neste disco Bibiano interpretará o tema “A campá do pobo”.

Unha das cousas bonitas de “Cerca del mañana” foi que agrupou vontades, polo que, xa de volta en Santiago, Bibiano, Benedicto e máis eu (sinala Vicente Araguas no seu libro) formariamos unha especie de trio intercambiable no que os acompañamentos, vocais e instrumentais, eran mutuos e, sobre todo, había- como nunca – unha impresión de unidade cara a fora”.

Como anécdota histórica da etapa de Voces Ceibes cabe lembrar cando en Ferrol, ante un público composto case ó cincuenta por cento de obreiros de Bazán e gardas civís, tiveron que repetir unha e outra vez só as dúas cancións consideradas inofensivas polo censor local.

Sen embargo, e a pesar dos numerosos recitais que Voces Ceibes celebrou ó longo dos seus anos de existencia, os seus integrantes malvivían desta profesión.

“Unha das estranas relacións que nós tiñamos coa xente – sinala Bibiano – era o non saber enfocar, precisamente, a cuestión profesional, e faciamos concertos de solidaridade e moitos eran porque sentiamos que non había diñeiro que o pagase ou non era o tema os cartos, a cuestión era a intervención no acto aquel”.

“Non tiñamos nin idea, nin sabiamos como resolver o tema de cómo vivir de toda aquela cuestión, de feito se malvivía. A moitos nos costou caro, sobre todo a nivel persoal, o terlle adicado tanto tempo á canción, soportándoo cun esquema de solidaridade, porque nos provocou as maiores insolvencias posibles, xa que non adquiriamos ningún tipo de recurso económico”.

“Naquel intre vivíase dun xeito moi hippie, nun ambiente moi liberal, moi espido, moi voluntarioso e que era, por iso, moi austero. Isto ofrecía unha mistura moi florida, un mosaico de circunstancias que nos configuraba a vida. Pero despois o mundo vai por outro lado, a miña familia era a miña familia, os meus fillos eran os meus fillos, e os problemas económicos, pola falla de sensatez, creo, e de orientación profesional, pois levan a situacións críticas e problemáticas”. Bibiano diante da estatúa de Rosalía de Castro, en Santiago

Segundo lembra Bibiano, nunha primeira etapa “Voces Ceibes calaron na pequena burguesía radicalizada e nos intelectuais, pero non se levou a barrios nin ó movemento obreiro. As casas de discos, cunha industria pouco desenvolvida, e os cantantes, cunha mediocridade musical e plantexamentos de aficionados, deron lugar a una crise que, ademáis, coincidiu co abandono da canción de algúns e a “mili” doutros. Máis tarde entramos no grupo xente non universitaria, traballabamos en barriadas, en zonas rurais, etc.: os temas internacionalistas, Luther King, Vietnam, etc., deixaron paso a outros máis concretos e achegados, compúxose máis e se musicaron menos poemas. Por aquel entón tivo lugar o “bluff” da canción galega comercial: Andrés do Barro, Julio Iglesias, María Ostiz… Todo o mundo era galego. Esta alternativa fracasou, e Voces Ceibes volvía a facer augas.”

Dous anos despois da súa aparición, o equipo de Voces Ceibes quedou practicamente desartellado. Xavier, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e Guillermo Rojo deixaron completamente de lado a música para adicarse ós seus máis proveitosos estudios. Pola súa banda, Bibiano Morón tén que marcharse a Madrid para cumprir co servicio militar obrigatorio. Corría o ano 1972.

ESTANCIA EN MADRID

Bibiano é destinado primeiro a Extremadura, concretamente a Cáceres, ó mesmo cuartel onde estaba prestando o servicio militar o seu irmán maior, Tino Morón, que lle tén preparado, á súa chegada, un bo destino. Sen embargo, o enchufe que lle ten preparado o seu irmán, que era o xefe de destinos, foi menos forte que o informe co que contaba a Policía Militar sobre a traxectoria política de Bibiano, co que o seu primeiro destino en Cáceres foi estar apartado do resto dos seus compañeiros de cuartel.

Como o mesmo Bibiano lembra, “estiven rebaixado de armas por cuestións políticas. A tódolos soldados, en canto chegaban ó seu destino, se lles daban as armas, os cinturóns e as chapas símbolo do exército; sen embargo, ós que baixo o seu punto de vista non mereciamos os metais, nos quitaban as armas, os símbolos do exército e os cinturóns, e nos deixaban tan só con camisa, pantalón e botas, como farrapentos, no sitio onde fusilaron a ¿ Manzanares. Eu formaba parte dun batallón indisciplinario, onde estabamos os comunistas e os etarras, e andabamos vagabundeando por ahí sen nada que facer”.

“Sen embargo, un día ármome de valor e colócolle unha carta ó xeneral ¿ Manzanares, xa que naquel intre tiña xa un fillo, e non podía continuar con esa vida, quedándome no exército as 24 horas do día detido. Eu tiña que saír para buscarlle de comer ó chaval. E tal cual, redactei unha misiva e salteime os conductos regulamentarios de entrega, xa que me din conta de quen era o soldado que terminaba levándolle a correspondencia ó Xeneral, a quen lle entreguei a miña carta.

O Xeneral leu a misiva, e como naquel intre eu xa era un soldado rehabilitado, aceptou a miña petición de cambio de destino, e envioume a Madrid, onde conseguín traballo na Cooperativa Los Pinos, facendo cerraxes para a empresa Pegaso, co que podía levar algo de diñeiro para casa, isto ata que asasinaron a Carrero Blanco”.

En Madrid, Bibiano instálase no barrio de Vallecas, onde o movemento sindical se movía en torno ás igrexas, á cesión da igrexa para a reunión dos catro obreiros dun obradoiro, ou para os traballadores dunha cooperativa, etc...

Aproveitando esta circunstancia, e mantendo a súa ideoloxía, Bibiano funda a coordinadora de Comisións Obreiras de Vallecas, xunto ós curas obreiros de Palomares, a Juan Cabrerizo, do Partido Comunista e ós mozos da JOC. Unha das súas primeiras actividades é a publicación clandestina do xornal “Vallecas Obrero”, que imprimían no cuartel de destino de Bibiano.

“Eu estaba no cuartel de enxeñeiros, na Escola de Aplicación de Enxeñeiros de Campamento e alí había unha imprenta. Na miña casa, en Vallecas, algúns curas obreiros, xunto a Paco o de Ribadavia, Denis, Rafa ou as Maris e máis eu, faciamos o xornal en ciclostil, e eu levaba as planchas, os orixinais, ó cuartel, onde coa axuda dos meus compañeiros imprimiamos esta publicación. Despois sacabamolos dentro do uniforme e na mochila. Saíamos, pasabamos revista e ó chegar a un túnel que había preto do cuartel, os meus compañeiros entregábanme os exemplares que eles traían enriba, e alí marchaba eu para Vallecas co xornal rematado.”

Nesta etapa, Bibiano continúa vencellado á música de autor. Os domingos ofrece recitais polos barrios e colexios maiores. Destacar, neste ano, actuacións en lugares como: Club Cultural Pueblo de Vallecas, Parroquia San Cosme e San Damián, Colexio Maior Pio XII, Paraninfo da Facultade de Filosofía, Compañía Acorazada “El Coloso”, etc.

Bibiano nos seus inicios

Nesta difícil etapa é onde saen as mellores cancións, baixo o xeito de ver de Bibiano, coma “Os Orfos”, “Alborada”, que adica ó seu primeiro fillo, Daniel, ou “Unha Mañán”, cancións que máis tarde formarán parte do seu primeiro traballo discográfico.

Sen embargo, coa morte de Carrero Blanco, “comeza a funcionar un dispositivo de seguridade nos exércitos – lembra Bibiano - e viñeron a por min, e me detiveron durante un par de días, aínda que nunca fun xulgado por ningunha causa. Ademais, de volta ó cuartel, eu cruzábame cun militar varias veces ó día, que me repetía, sinalando a súa pistola, “Morón, te pego un tiro y me dan una medalla”.”

Bibiano tamén foi víctima doutra detención, regresando dun concerto en Italia. Pero estas foron detencións que non tiveron ningunha repercusión na súa vida. A maior represión á que se vían sometidos os cantautores naquel intre era a do mercado e a da vida á que estaban condeados, que era “ir coa guitarra por aí a aspirar a que nos desen unhas calderillas e punto, non había máis. Esa era a condea que tiñamos”.

Unha vez rematado o servicio militar, a principios de 1974, Bibiano trasládase a Vigo coa súa familia, e é no transcurso desta viaxe cando xurde a idea do seu primeiro disco, titulado “Estamos chegando ó mar”. En Vigo comeza a traballar nos asteleiros como soldador, ocupación que o levará a adicarse ás tarefas sindicais e políticas. Mais Bibiano non se esquece da música, e as fins de semana, continúa ofrecendo recitais pola xeografía galega.

Neste intre coincide de novo con Benedicto, co que xa formara parte como integrante en Voces Ceibes, e co que formará dúo musical durante unha tempada. Xuntos ofrecerán concertos por toda a xeografía galega, e tamén fora de Galicia. En Madrid, por exemplo, ofreceron un espectáculo titulado “Agora entramos nós”, do que se publicaría un libro, co mesmo título, que recolle as cancións desta serie de actuacións. Corría o ano 1974.

Cabe destacar, asemesmo, que co fin próximo da dictadura e a lóxica evolución estética, o aspecto musical foi primando sobre o ideolóxico. Benedicto e Bibiano uníronse, nunha época, a Rodrigo Romaní e Antón Seoane – os promotores de Milladoiro -, Suso Vaamonde – antigo membro ocasional de Voces Ceibes que continuaba en solitario – e outros personaxes do momento para fundar o Movemento Popular da Canción Galega, un experimento que apenas durou uns meses, debido a desavenencias internas, e que aparece defendendo máis o carácter popular e musical das cancións, da música.

Este movemento convive, durante un tempo, con Voces Ceibes, que paulatinamente se vai evaporando, desaparecendo, e os seus membros continúan camiños distintos.

Segundo lembra Bibiano, “o que sucede é que a Voces Ceibes, ós cantores universalistas, ou sexa, que cantaban como cantaban tódolos cantautores en tódolos sitios, cunha guitarra de madeira e unha banqueta, enriba da banqueta unha perna e enriba da perna a guitarra, se achegan os grupos de folk, que acaban por influir nos primeiros e que xuntos comezan a compartir novas inquedanzas dentro da música”.

Cabe salientar que dentro dos grupos folk, había os “populistas”, que facían cancións populares sen máis criterios que facer cancións populares, e dentro dos que se atopaban xente como Xoan Rubia, A Roda, ou as cancións tabernarias. E despois está outro grupo de músicos que tocan e cantan como se toca e canta en Irlanda, que baixo o achegamento ó folclore universal collen o irlandés pola ligazón e a irmandade celta, pero non deixan de tocar como se toca en Irlanda, que moi pouco o nada tiña que ver co de Galicia. É o que se pasa a denominar “novos folclores” e onde se encadraban grupos como Berrogüetto ou Na Lúa.

Existe, polo tanto, neste intre, un encontro de creadores dun lado e doutro, e isto orixina un novo movemento cultural, unha vangarda, ou sexa, convértese nunha moda e nun ben de consumo que a xente acepta como tal.

Deste xeito, o Movemento Popular da Canción Galega é un movemento de vangarda que, convivindo con Voces Ceibes, aparece defendendo máis o carácter popular e musical das cancións, da música.

“Nese senso – lembra Bibiano – é complementario a Voces Ceibes, é unha alternativa, incluso deixa en evidencia que Voces Ceibes era unha historia universal, non eramos cantores galegos de seu, a esencia do pobo galego cantando, non, eramos cantores universalistas que cantabamos ó modo universal de cantar as cancións.”

O obxectivo principal co que nacía o Movemento Popular da Canción Galega era a necesidade de traballar xuntos, de traballar colectivamente para, por e con Galicia. O grupo coidaba, no momento da súa fundación, que era “competencia do grupo preconizar o desenvolvemento da música, o estudio da música galega. É unha obriga nosa, pero polo de agora fállannos as posibilidades económicas para escomenzar con forza. Hai unha canción galega popular, tradicional e actual, viva, que hai que sacar da oscuridade”- segundo manifestaron os integrantes fundadores do Movemento Popular da Canción Galega na rolda de prensa de presentación deste novo proxecto.

“Nos demos conta de que Voces Ceibes fora unha experiencia moi boa e que tivera cumprido a súa misión. Foi unha estructura pechada e agora, co Movemento Popular da Canción Galega, pretendíase unha estructura aberta, de ampla participación, dende perspectivas democráticas”.

Os grupos e cantantes que formaron parte na fundación do Movemento Popular da Canción Galega foron: Xosé Manoel, Emilio Cao, Rodrigo Romaní, Antón Seoane, Luis Emilio Batallán, Benedicto, Bibiano, Jei Noguerol, Xosé Quintás-Canella, Miro Casabella, Xurxo Mares, Xerardo Moscoso e o grupo “Raíces da Terra”.

No seu primeiro manifesto, o Movemento Popular da Canción Galega preconizou como puntos fundamentais da súa constitución:

Primeiro.- Integración e compromiso coa realidade galega, xa que denunciamos o carácter dependente do noso país galego.

Segundo.- Denuncia da falla de liberdade, concretada no noso caso na falla de liberdade de expresión, como ben dan conta as multas impostas a varios membros do MPCG no mes de decembro pasado.

Este primeiro manifesto non foi subscrito por Vicente Araguas, que se atopaba naqueles intres realizando a “mili”. O “Movemento” declararíase, máis adiante, antifascista, nacionalista galego, etc., e a súa constitución, que dúbida cabe, supuso, evidentemente, un impulso para a aínda “Nova Canción Galega”. Pero a calma duraría pouco.(revista Ozono)

O Festival Folk Galego, celebrado na Praza da Quintana de Santiago o 2 de marzo de 1975 e que congregou a cinco mil persoas, foi a carta de presentación do Movemento Popular da Canción Galega. Aquí produciuse xa o primeiro lío entre os integrantes do Movemento. Parte dos espectadores do festival notaron na segunda parte a ausencia de Benedicto. Falouse, nun principio, dun malentendido, que orixinou que Bibiano tampouco despois do descanso. Segundo publicou naquel intre a revista Ozono, existía unha especie de acordo entre os participantes para aceptar as condicións ou suxerencias dos organizadores -as agrupacións culturais “O Galo” e “O Eixo” – cara a conseguir que todo se desenvolvera dentro dun orden e posibilitar a continudaide deste tipo de manifestacións. Unha destas “condicións” eran que os cantantes non se dirixiran ó público, recomendación formulada pola autoridade pertinente, claro está. Pero Benedicto non fixo caso e falou...

“Benedicto e eu non tiñamos renunciado a plantexar as loitas que se estaban a levar a cada momento. Xa a mellor acollida que o público dispensaba, fastidiaba ó resto dos artistas, esta disputa de tipo profesional e a nosa actitude radical política, adicándolle cancións ó “Proceso dos 23” que se estaba vendo naquel entón, fai que nos expulsen do Movemento. A partir deste feito, o Movemento Popular da Canción Galega non se voltou manifestar como tal, entrou en crise pola rotura do compromiso democrático.”

Miro tomou unha traxectoria interesante, apareceron Fuxan os Ventos, despois Emilio Cao tamén inicia unha traxectoria en solitario, membros estes antes do Movemento Popular da Canción Galega. Todo isto fai que comecen a xurdir especializacións na canción.

Segundo manifestou Bibiano naquela época “entre Voces Ceibes e o Movemento Popular da Canción Galega, o máis importante estivo a cargo de Miro nos seus recitais e de Jei Noguerol no seu disco “Denantes dos vinte anos”. Aparecía, dalgún xeito vinculado á canción galega Amancio Prada. Chégase a estilos persoais que se plasman claramente nos discos. Entón é moi fácil distinguir a Emilio Cao de Miro, a Luis Emilio Batallán de Fuxan os Ventos”.

A partir deste intre, Bibiano continúa unha liña independente xunto a Benedicto co que realiza unha serie de concertos por toda a xeografía española baixo o título de “Agora entramos nós”.

No ano 1975 ámbolos dous deciden, despois dun proceso de reflexión, de madurar ideas, abandoar os traballos que viñan realizando ata aquel entón; Bibiano continuaba traballando nun asteleiro de Vigo e Benedicto nunha enciclopedia en Santiago. E deciden adicarse profesionalmente á canción. Mais a relación profesional entre eles durará pouco máis e un ano despios, en 1976, ve a luz o primeiro disco de Bibiano, “Estamos chegando ó mar”. Aquí comezará a súa carreira en solitario como cantautor, e quizás a que máis satisfaccións lle deu no que á interpretación musical se refire.